O alcalde de Cervo recibe ao cervense que vén de participar nunha expedición ao Himalaia
-Antonio Otero chegou a facer cumio no Island Peak, unha montaña de 6.189 metros de altura; e no Kala Pattar, de 5.545 metros
Cervo, 10 de novembro de 2012-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Deportes, Yolanda Pedreira recibiron ao alpinista Antonio Otero, veciño de San Ciprián que recentemente regresou da súa expedición ao Himalaia, onde conseguiu chegar ao Island Peak, unha cima de 6.189 metros, e ao Kala Pattar, de 5.545 metros. Ascender a ambas montañas era o obxectivo da viaxe, na que participaron outras 10 persoas máis e na que Antonio Otero era o único galego. O montañeiro fixo entrega aos membros do goberno local dun pano tradicional dos sherpas, o pobo que habita nos vales altos do Nepal, así como dun póster cunha panorámica da cadea montañosa traído dende alí.
Villares e Pedreira amosáronse moi interesados en coñecer os detalles desta experiencia que o montañeiro relataba como única, destacando os fermosos amenceres entre as montañas nevadas e narrando as numerosas dificultades atopadas no camiño, especialmente as repercusións da altura no corpo humano. Otero tamén explicou a estrita dieta alimenticia que é necesario levar, especialmente a partir dos 4.500 metros, baseada en hidratos de carbono como pasta ou arroz e cunha abundante inxestión de auga de arredor de 4 litros diarios.
A edil de Deportes destacou a proeza deste cervense que ademais “levou na súa equipaxe un anaco de Cervo, xa que entre todo o material e as provisións atopábanse as bandeiras do concello e da vila de San Ciprián”. Pedreira destacou que Otero se lembrara do seu concello “incluso estando por enriba dos 5.000 metros de altura”, xa que ao chegar ao Kala Pattar e ao Island Peak sacou fotos coas bandeiras “un xesto que nós, como responsables políticos deste municipio lle agradecemos encarecidamente”.