A CIG ENSINO FAI UN CHAMAMENTO Á FOLGA A TODO O PROFESORADO DA MARIÑA
“Para frear os continuos ataques que o PP está a facer contra o ensino público, galego, universal e gratuíto”
Ribadeo a 12 de novembro de 2012.-
Está sendo unha evidencia que a crise económica sérvelle de pretexto ao actual goberno da Xunta e do Estado Español para deteriorar, desmantelar, recortar e privatizar os servizos públicos e empeorar a calidade do ensino. Con esta folga a CIG Ensino quere combater a contrarreforma educativa que pretende avanzar na privatización e na mercantilización da educación así como na españolización do sistema educativo galego. A contrareforma educativa vai no camiño de conformar un ensino elitista e clasista para impedir o acceso das clases populares á educación, liquida a xestión democrática dos centros e recorta os dereitos laborais e profesionais do profesorado, desvalorizando, aínda máis, o seu traballo. Unha contrarreforma coa que o PP pretende seguir subvencionando totalmente os centros que segregan alumnado por razón de xénero e reforzar a confesionalidade, ao continuar a materia de relixión formando parte do currículo escolar. Procúrase un sistema educativo cada vez menos equitativo, eliminando o dereito universal á educación e desbotando a igualdade de oportunidades para todos e todas.
Para a CIG é imprescindible que todos nos ergamos contra a política demoledora do PP ao ensino público. O recorte permanente do profesorado nos centros, a destrución de máis de 2.000 postos de profesorado, o despedimento de miles de interinos/as, a obriga de impartir materias afíns a máis de mil profesores/as, o incremento do horario lectivo do profesorado, o aumento do número de alumnado por aula, a supresión de 332 unidades e peche de 47 centros no ensino público, o agrupamento de alumnado de diferentes idades e niveis en 132 unidades, a liquidación do programa de Preescolar na Casa, a redución de 425 millóns de euros nos orzamentos nos tres últimos exercicios,o desvío, cada ano, de 250 millóns de euros ao ensino privado, dentro do que se insiren os centros que segregan alumnado por razón de sexo; a creación de 27 unidades no ensino concertado e a continuación do asañamento coa nosa lingua, coa redución dos orzamentos dos equipos de normalización nun 69%, ao mesmo tempo que se desfixo dos libros de texto por estaren en galego, despois de ter desembolsado entre 5 e 8 millóns de euros.
Na Mariña todas estas medidas concrétanse en que desde que Feijoo chegou ao goberno da Xunta os centros de primaria e de secundaria da Mariña reduciron as plantillas en case 100 profesores/as menos, suprimíronse máis de 10 unidades escolares, pecháronse catro escolas unitarias e varios comedores escolares, elimináronse ciclos formativos de formación profesional, diminuíron os recursos para comedores escolares, para bibliotecas, para normalización lingüística ou para axudas de libros. Neste curso escolar, os centros de secundaria da Mariña contarán con 42 profesores menos que o curso pasado habendo o mesmo ou un número de alumnos superior e máis do 25% do profesorado terá que impartir outra materia diferente da súa especialidade. Isto repercute claramente na calidade educativa e promove máis fracaso escolar e máis conflitividade nos centros.
Desde a CIG pensamos que temos que facerlle fronte e parar esta barbarie devastadora dos dereitos laborais, sindicais e profesionais de todos os empregados públicos e do profesorado en particular, ampliando noso horario lectivo mentres aumenta o alumnado por aula; reducindo o noso salario en máis dun 20%, non cubrindo as baixas de menos de 15 días, eliminando a paga extraordinaria de Nadal, subindo a cotización á mutualidade, descontando máis salario nas baixas laborais ou liquidando na práctica a posibilidade da xubilación anticipada. Temos que rebelarnos, tamén, porque o Goberno do estado pretende aprobar uns orzamentos para o ano 2013 que continúan conxelando o noso salario sobre a redución que vimos soportando desde xullo de 2010, e que, na práctica, imposibilita a creación de novos postos de traballo de profesoras e profesores pois séguese limitando a oferta de emprego ao 10% das prazas que queden vacantes cando temos os índices de paro máis altos de toda historia de Galiza, case 300.000 parados/as.
Por todo isto facemos un chamamento a todo o profesorado da Mariña e a comunidade educativa en xeral para apoiar e participar na folga xeral convocada por todos os sindicatos para o día 14 de novembro.