VENCEREDES PERO NON CONVENCEREDES
É admirable a técnica comunicativa do Partido Popular en A Mariña; é envexable o seu estilazo na emisión de mensaxes únicas, piramidais, que se expanden en vertical e horizontal, calando en todos os escalafóns. Ninguén se descadra do formateado guión, salvo algún que outro alcalde que coa súa saída de ton cumpre un papel falsamente rupturista, contrapunto programado nunha melodía monocorde dirixido a unha parte do auditorio. É eloxiable a súa unidade idiomática e xestual, o seu ton de voz sen estridencias; hieráticos, sen apenas mover os beizos, ventrílocuos en rolda de prensa e comunicado de prensa, a anos luz da dispersión e a multiplicidade de voces, gaiolas de grilos, muíños de mans e brazos, doutros partidos que por aquí pululan.
Esta aparente coherencia estratéxica, que se traduce de continuo na multiplicación sedativa do mantra que toca en cada momento, dificulta o desentrañamento das súas mensaxes. O seu univocidade serve de case-perfecto disfrace da incoherencia da súa praxe cotiá; entre o que din e o que fan; entre o que propón e o que realmente defenden; entre o seu ideario e o lado onde logo se sitúan con cariña compasiva e anxelical; no inferno pero tamén no ceo; pirómanos e bombeiros dunha realidade negra, da que son ideólogos e autores preferentes.
Pero entre o seu discurso e a súa praxe chirrían os soldos máis extras que perciben Deputados, alcaldes e concelleiros liberados da bisbarra, ou o incremento das subvencións millonarias a os amigos e coñecidos que en moitas ocasións son simples e correntes latrocinios encubertos, mentres en Santiago recortan en comedores escolares, os servizos hospitalarios e farmacéuticos e soben os impostor a os veciños e non súbditos dos concellos mariñáns.
Fanse festas para avós, xubilados e o que sexa para de paso entregarlles a papeleta do voto da gaivota sin contar con as “comiolas” dos políticos para festexar que catro anos máis seguiran mamando do teto e mentindo coas consabidas afirmacións mentireiras de “Ampliaremos o hospital de Burela”, Teremos porto comercial en Moras” Faremos a via rapida dende Castelo a Ferrol”, Faremos a T da Costa” Faremos residencias da terceira idade a montóns” “Faremos que os barcos pesquen merluza para que este peixe con a súa abundancia non coma os veraneantes nas praias” Alcoa terá a luz a peseta o quilovatio” e un largo e penoso etc que da vergoña allea que sirva para convencer a alguén.
Otero Regal