NOVA SUBIDA DE IMPOSTOS E TAXAS MUNICIPAIS EN BURELA
Unha vez máis, e por segundo ano consecutivo, o equipo de goberno do PP en Burela vén de subir as taxas e os impostos municipais. Se o ano pasado foi un 3,1%, agora será un 3,4% o que subirán estes prezos de taxas e impostos municipais. Unha “actualización pola evolución do IPC nestes meses” é a xustificación que utiliza o PP para subirnos un ano máis estas taxas municipais, pero o que non din é que non é obrigado subir o IPC, que o fan porque queren. Porque nin os soldos nin as pensións dos nosos maiores van sufrir esta “actualización” e, sen embargo, os impostos e taxas municipais que pagamos todos si o van facer.
Coa excusa da crise (que só serve para subir impostos, non para subir salarios e pensións), o PP de Burela vén de aprobar a subida dunha serie de conceptos por servizos e impostos municipais que non son de recibo nestes momentos en que tantas familias do noso concello están pasando apuros económicos.
Pois ben, no Pleno, o PP de Burela aprobou, co noso voto en contra, as seguintes subidas das taxas municipais: subida dun 3,4 % no imposto de vehículos que pagamos todos os veciños, subida tamén dun 3,4 % na auga (imos pagar o metro cúbico de auga que consumamos a 100-150 das antigas pesetas); e tamén un 3,4 % de subida no lixo, na expedición de documentos (certificados de empadronamento, por exemplo), na taxa por sumidoiros, nas aperturas de establecementos e, entre outros máis, na matrícula da Escola de Música. E mente o Alcalde, como dicía antes, cando di que esta subida é por lei ao estar marcado en 3,4 % a subida do IPC no que vai de ano. Os Concellos non teñen obriga de subir o IPC nas súas taxas municipais. No anterior goberno municipal, que se entere o sr. Barcia porque parece que perdeu a memoria, mantivemos sen subir nin sequera o IPC nestas taxas durante dous anos (e algunhas, como a auga ou o imposto de vehículos, durante tres anos). Os únicos que soben estes prezos ano tras ano son eles, o PP de Burela. Ao mellor estas subidas para o Alcalde non supoñen moito dado o soldo que cobra pero si van supoñer moito para numerosas familias do noso pobo.
Todo o anterior refírese a prezos e taxas xa existentes, pero o PP de Burela vai máis aló e crea dúas novas taxas municipais para cobrarlles aos veciños: a de “plusvalía” pola venda de solares e pisos e unha taxa polas medicións acústicas que se poidan facer polos ruídos que fan os locais de ocio.
Polo que respecta á primeira, é curioso que cando eran bos tempos para as vendas de solares e pisos non se aplicase esta taxa e, agora, cando moita xente ten que vender estas propiedades para saír adiante é cando terán que pagar polo incremento do valor destes solares ou pisos.
E polo que se refire á segunda, á taxa polas medicións de ruídos, nós cremos que non se vai recadar nada e que é unha medida disuasoria para que a xente non denuncie os ruídos porque, segundo se establece nesa ordenanza, se a medición de ruídos non infrinxe a lei, esa taxa (200 €) terá que pagala quen denuncia a suposta infracción de ruídos na súa casa.
En resumo, esta é a política social do PP: subir os impostos e as taxas municipais que pagamos todos os veciños de Burela. Nin nos tempos de crise tan dura que vivimos son capaces de ser sensibles coa realidade e conxelar estes prezos públicos que nos afectan a todos os veciños e veciñas de Burela.