Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo anuncia que votará en contra da suba de taxas polas difultades que atravesan as familias

OS SOCIALISTAS DE CERVO VOTARÁN EN CONTRA DA SUBA DE TAXAS MUNICIPAIS POLO MOMENTO DE DIFICULTADE QUE ATRAVESAN AS FAMILIAS

-Aseguran que “noutras ocasións este goberno pasou varios anos sen adaptar estas tarifas, non sabemos se por deixadez ou coincidencia con procesos electorais. O certo é que agora non é precisamente o momento”

-Serán 16 as ordenanzas modificadas e “moitas delas afectarán á vida diaria dos veciños, Villares podería axustar as contas recortando no seu propio goberno ou prescindindo de certos servizos innecesarios”

CERVO, 29 DE OUTUBRO. Os socialistas de Cervo votarán, no pleno que se celebra mañá martes ás 20:00h, en contra da adaptación de diversas ordenanzas fiscais do concello en relación á variación do IPC. Subliñan que “neste momento de dificultade económica para as familias, no que todo se actualiza menos os salarios dos traballadores, non cremos convinte a actualización e consecuente incremento de certas taxas municipais”.

Os membros do Grupo Municipal Socialista lembran que “sempre estivemos de acordo en adaptar as ordenanzas fiscais ano tras ano en relación ós cambios no IPC co único fin de que o incremento fose paulatino, non de golpe. Noutras ocasións, este mesmo goberno permitiuse pasar dous ou tres anos sen adaptar estas tarifas, non sabemos se por deixadez ou coincidencia con procesos electorais pero o certo é que agora non é precisamente o momento”.

Serán un total de 16 as ordenanzas fiscais que subirán para o vindeiro ano, “é verdade que algunhas inflúen en certos servizos dos que se pode prescindir pero outras moitas afectan á vida diaria dos veciños ou a xestións de imperiosa necesidade, como poden ser as taxas de recollida de lixo, taxas de servizos deportivos, licencias de obra ou trámites catastrais”.

Engadiron que “sería unha pena que algunhas familias teñan que privar ós seus fillos de acudir a actividades deportivas polo incremento de cotas. Non consentiremos que ningún neno quede excluido de disfrutar do seu deporte, porque ademais de entretemento e a mellor forma de liberalos de hábitos inadecuados”.

Os socialistas ven moito mellor outras alternativas e recoméndanlle ó alcalde, Alfonso Villares, que “podería evitar a subida destas taxas para axustar o presuposto recortando os salarios dos propios membros do goberno, os importes pola asistencia a Xuntas de Goberno ou prescindindo dos servizos de fotógrafos e paparazzis que conforman a corte que lle rinde pleitesía”.

Exit mobile version