A ASOCIACIÓN VECIÑAL DE CEDOFEITA SOLICITA O ARRANXO DA ANTIGA ESCOLA E MELLORAS EN ESTRADAS, MENTRAS QUE EN COUXELA HAI UN DEPÓSITO CONTRA INCENDIOS SEN AUGA. SON ALGUNHAS DAS REIVINDICACIÓNS E QUEIXAS QUE RECOLLEU O PRESIDENTE LOCAL DO PP, JESÚS LÓPEZ PENABAD.
Os populares mantiveron unha xuntanza con directivos da asociación de veciños de Cedofeita, quenes “plantexaron a necesidade de arranxar a antiga escola da parroquia, que é propiedade do Concello”, segundo explicou López Penabad, quen engadiu que “é unha obra importante polas grandes dimensións que ten o edificio e ademais está moi deteriorado; sabemos que estamos atravesando tempos difíciles, pero o Concello podería acometer a obra en varias fases”.
A asociación de veciños de Cedofeita tamén “considera necesario que se amañen varias pistas rurais e a estrada de Couxela a Covelas, que une a Nacional 640 coa Reme-Vilamar”, dixo Jesús López.
Os populares de Ribadeo tamén visitaron Couxela, onde recolleron diversas queixas veciñais entre as que destacan a existencia dun depósito contra incendios sen auga. “É curioso, porque non ten traída de auga; haberíaa nalgún momento pero está tupida. Parece ser que hai auga para levar alí, incluso a propia canalización tamén está conseguida, pero dinnos que faltan fondos. Denunciamos iso para ver si se pode facer algo, porque si hai auga haberá que facer un canal para que realmente sexa un depósito contra incendios”, manifestou López Penabad.
Tamén en Couxela os responsables do PP ribadense estiveron na zona da igrexa, onde comprobaron que “alí non hai cunetas e por iso cando chove un pouco inúndase o adro e as inmediacións”. Polo tanto reclaman “que se limpen as cunetas e que se arranxen unhas grellas de sumidoiros de auga que están levantadas e incluso resultan perigosas porque son metálicas e bastante grandes”.
Os populares de Ribadeo viron ademais varias pistas onde “desapareceron as cunetas, o que supón un problema cando chove, polo que é necesario a actuación dunha motoniveladora na zona de Couxela”, segundo explicou Jesús López.