Cervo abordará en pleno a actualización de ordenanzas en base ao IPC interanual
-O goberno explica que esta adaptación é “responsable” e permite “blindar a prestación de moitos servizos”
Cervo, 29 de outubro de 2012-O pleno da corporación debaterá mañá martes a actualización de ordenanzas fiscais segundo o IPC interanual, que se situou no 3,4%. O goberno local explicou que se trata de “adaptar as taxas á subida do custo da vida”, asegura a edil de Facenda, Tania González, e que se toma como indicador de referencia o fixado polo Instituto Nacional de Estatística. Esta actualización está establecida nas propias ordenanzas, que contemplan que se revisen os prezos segundo o IPC e se apliquen as variacións correspondentes.
A concelleira engade que esta medida “terá unha escasa repercusión” nos prezos que terá que asumir a cidadanía e “segue o principio de responsabilidade que mantemos en todas as decisións relacionadas coa redución do déficit e da xestión económica”. Unha actualización “que nos permitirá manter a prestación dos servizos coa mesma calidade, que é unha das nosas prioridades como goberno”, declara González.
A delegada de Facenda manifestou tamén o seu desacordo coas valoracións desta actualización realizadas polo grupo municipal socialista. “Son os únicos que non entenden como funciona o sistema, pero dende o goberno local non temos ningún problema en aclarárllelo” explica González. “O IPC sube, e sube para todos. Polo tanto, cando os nosos provedores actualizan os prezos en base ao IPC, e neste caso toca subir, o Concello tamén ten que actualizar as ordenanzas fiscais para poder asumir o custo deses servizos” asegura a edil. “É de primeiro de finanzas” engade a responsable da Facenda local, que entende que os socialistas “só buscan polemizar con asuntos que só responden a unha xestión responsable”.
Polo tanto, “demostran unha vez máis que o seu é falar por falar, e saír nos medios a criticar incluso antes de ter debatido no pleno” explica Tania González. “Ben seguro que preferirían que deixásemos de prestar certos servizos e ter algún motivo para minar ao goberno municipal”.
Ademais, González recoméndalle aos socialistas que “non sexan tan localistas e abran a súa mente”, así verán que “as actualizacións dos prezos en base ao IPC estanse levando a cabo en numerosos concellos da Mariña e de todas as cores políticas”. Ao mesmo tempo a edil convida aos socialistas a “non inventar problemas e a poñer máis empeño nos seus conflitos internos despois da desfeita electoral que sufriron”.