Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo programa as xornadas de igualdade “Aprendemos os uns dos outros”

O Concello porá en marcha as I Xornadas de Igualdade para homes e mulleres

-Para participar é necesario inscribirse entre o 8 e o 16 de outubro na Casa do Concello ou na Casa da Cultura

Cervo, 6 de outubro de 2012-O Concello de Cervo prepara unha actividade de fomento da igualdade entre homes e mulleres que terá lugar a finais do mes de outubro. Trátase das I Xornadas de Igualdade “Aprendemos os uns dos outros”, dirixidas a todas as persoas maiores de idade e que inclúen un conxunto de actividades teóricas e prácticas que potencian a colaboración na realización das tarefas do fogar.

En concreto, as persoas asistentes recibirán nocións básicas de aforro enerxético, economía familiar, comida equilibrada, cociña ou costura, recorrendo a explicacións teóricas, a xogos, a dinámicas de grupo ou a material audiovisual.

Unhas xornadas que se impartirán entre o 22 e o 31 de outubro de luns a venres en horario de 11:00 a 13:00 horas na Casa da Cultura. Para participar é necesario inscribirse, e o prazo permanecerá aberto dende o luns día 8 ata o 16 deste mes na Casa da Cultura ou na Casa do Concello. Ao remate da actividade, todas as persoas asistentes recibirán un diploma acreditativo da súa asistencia.

A edil de Igualdade, Pilar Armada, asegurou que se trata dunha iniciativa “que pretende contribuír a facer efectivo ese obxectivo social de acadar unha igualdade real entre homes e mulleres” nunhas xornadas que “procuran ser didácticas e entretidas, combinando a concienciación coa aprendizaxe e o ton ameno das actividades”. Esta é a primeira vez que o Concello pon en marcha unha iniciativa deste tipo en materia de Igualdade na que se implica directamente á cidadanía, polo que Armada agarda que teña unha boa acollida.

Exit mobile version