O Concello acondiciona os accesos e arredores dos seis cemiterios de Cervo de cara a Todos os Santos e Defuntos
-A brigada de obras limpou de maleza o contorno dos camposantos das parroquias de Castelo, Cervo, Lieiro, Rúa, San Román e Sargadelos
-Ademais, aumentouse o número de contedores situados nos cemiterios durante estes días
Cervo, 29 de outubro de 2012-O Concello de Cervo vén de realizar traballos de acondicionamento nas zonas exteriores dos cemiterios, como son os accesos e os arredores dos camposantos. En concreto a actuación, desenvolvida pola brigada de obras, realizouse nos cemiterios parroquiais de Castelo, Cervo, Lieiro, Rúa, San Román e Sargadelos e consistiu na limpeza das áreas citadas e no incremento no número de contedores.
Eses colectores permanecerán na contorna dos camposantos ao longo desta semana, tendo en conta que o volume de lixo que se xera aumenta notablemente nestes días. Por iso, dende a Concellería de Obras “queremos facer un chamamento á veciñanza para pedirlle que utilicen os contedores habilitados e, deste xeito, manter limpas estas zonas” asegura a delegada desta área, Pilar Armada.
Estas actuacións adoitan realizarse todos os anos, sempre uns días antes da conmemoración do día de Todos os Santos e de Defuntos, nos que “son moitas as persoas que se achegan ata os cemiterios a lembrar ás persoas queridas que xa non están” engade Armada. Por iso, ao tratarse dunhas datas “moi emotivas e especiais”, o Concello “quere contribuír a que estea todo disposto para seguir celebrando esta tradición, que continúa moi arraigada no noso municipio” remata a edil de Obras.