Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS Pescados Rubén impúxose sobre o Azkar Lugo no triangular de Castropol

O BURELA FS IMPONSE SOBRE O AZKAR NO TRIANGULAR DE CASTROPOL

Esta fin de semana, o Burela FS Pescados Rubén impúxose sobre o Azkar Lugo e CD Marino das Figueiras e proclamouse campión do Torneo Triangular de Castropol. Tras o emocionante empate cos transportistas (2-2), o título decantouse do lado laranxa pola maior diferenza de goles na vitoria ante o conxunto anfitrión, con 0-2 para os da cidade amurallada, no primeiro partido, e 0-4 para os mariñáns, no segundo.

Na primeira loita burelista, ante o CD Marino das Figueiras, o Pescados Rubén demostrou temperanza e sosego para non arriscar o dominio do partido. “Amosamos moi boa actitude dende o comezo” asegurou Julio Delgado, con respecto á cita ante o conxunto de Provincial, na que as novas caras laranxas tiveron protatonismo goleador: Diego Suárez inaugurou o electrónico, no minuto 10, e tras o 0-2 de Mimi (14), Cesinha anotou por partida dobre (15 e 17).

Iago Barro, Mimi, André, Diego e Dani Martín saltaron á cancha no cinco inicial, coa axuda de Enrique, Cesinha e o porteiro xuvenil Marcos. Do bando asturiano, José Luis, César, David Legaspi, David Álvarez e Víctor formaron o quinteto inicial; tamén xogaron Sergio, Lucas, Julián, Jaime, Luis Alberto, Daniel e José.

O triangular de Barres puxo o broche de ouro co duelo entre transportistas e laranxas. “Foi un partido moi bonito, con moita intensidade dende o primeiro minuto” destacou Julio Delgado, que tamén confesou a súa satisfacción polo “dominio burelista en gran parte do partido e seguimos xerando moitas ocacións de gol”. O Burela FS, que tivo que facer un grande esforzo con tan só dous cambios, adiantouse no marcador con goles de Mimi (minuto 16) e Dani Martín (17), aínda que o Azkar soubo aproveitar os erros mariñáns e igualou a contenda no tramo final, “goles que chegaron en fallos individuais, cando tiñamos o control” explicou o adestrador burelista.

Julio Delgado amosouse tamén gratamente sorprendido coa primeira participación de Cesinha e Diego. “César acoplouse moi ben e, como referencia en ataque, deu moita saída ao equipo; é un xogador intelixente” analizou o técnico laranxa o ala-pivote brasileiro, que tamén destacou “o descaro” de Diego Suárez. “É un deportista aínda por facer, pero, sen dúbida, soubo estar á altura” dixo Julio do novísimo ala que estes días está adestrando co equipo burelista.

Ficha técnica

Azkar Lugo: César, Jandri, Aramburu, José e Bruninho, non cinco inicial; tamén xogaron Diego Nuñez, Antonio Diz, Iago Rodríguez, Adrián, Álex Diz

Burela FS Pescados Rubén: Iago Barro, Mimi, André, Diego e Dani Martín, no cinco inicial; tamén xogaron Enrique, Cesinha e Marcos.

Goles: 0-1, minuto 16, Mimi; 0-2, minuto 17, Dani Martín; 1-2, minuto 18, Jandri; 2-2, minuto 20, Bruninho

Test copeiro

O Burela FS Pescados Rubén continuará a preparación de Primeira coa Copa Galicia como próximo test. O mércores decidirá a fase de cuartos de final na pista do Noia FS, da Segunda División B, a partir das 20.45 horas. “É unha nova proba para asentar a dinámica de actitude e intensidade demostrada en Castropol” dixo Julio Delgado, que tamén advertiu que “aínda que non recuperaremos efectivos, poderemos contar con algunha rotación máis de xogadores do filial”.

Exit mobile version