Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA solicita a prohibición da captura de aves silvestres e denuncia perante a CE a permisividade da Xunta

ADEGA solicita a prohibición da captura de aves silvestres e denuncia perante a CE a permisividade da Xunta

29 de outubro de 2012. ADEGA vén de denunciar perante a Unión Europea (Comisaría de Medio Ambiente) as autorizacións sistemáticas que está a conceder a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta para a captura de aves silvestres canoras. Sen ir máis lonxe, os días 12, 13 e 14 de outubro autorizáronse na Coruña preto de 100 xornadas de captura de aves silvestres (frinxílidos). Estes “eventos” realizáronse sen base técnica ou científica algunha, por canto a Directiva 2009/147/CE, relativa á conservación das aves silvestres, considera “excepcionais” estas prácticas e establece condicións moi estritas para o seu desenvolvemento, mentres a Xunta autorízaas sistemáticamente. Asemade, detrás destas actividades agóchase tamén un comercio clandestino de aves para o silvestrismo, trafego do que a administración estaría sendo cómplice.

gaiolaspaxarosEntre as especies afectadas atópanse verderolos, xiríns, pimpíns, canarios, liñaceiros ou cardeais, que chegado o final do verán agrúpanse en grandes bandos para iniciar os seus desprazamentos migratorios. Estímase que a Xunta autoriza anualmente unhas 300 xornadas efectivas de captura, nas que poden caer unhas 5.000 aves, que na práctica totalidade dos casos rematan engaioladas para cría, exposición e concursos, e dos que unha importante proporción de individuos morren aos poucos días polo estrés.

ADEGA denuncia a grave irresponsabilidade na que incorre Conservación da Natureza (outra máis, 2, 3…), a administración encargada precisamente de velar pola conservación destas especies. O cadro técnico e o gabinete xurídico deste departamento son coñecedores de que estas autorizacións teñen un fundamento legal moi feble, forzando a interpretación de varios artigos da Directiva 2009/147/CE, relativa á conservación das aves silvestres, e do artigo 58 da Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

ADEGA lembra á Xunta que o Tribunal Europeo de Xustiza das Comunidades Europeas (TXCE) advertiu á Comisión Europea que ditas prácticas de capturas que teñen lugar nalgúns Estados europeos (entre eles España) e vulneran o artigo 9 da norma da conservación das aves silvestres, e que a propia Comisión mantén aberto un expediente contra o Reino de España (EU PILOT 2235/11/ENVI) pola práctica da caza de frinxílidos con redes abatíbeis.

Así a Directiva 2009/147/CE establece un réxime de capturas especiais en base a “excepcións” baseadas nunha necesidade científica xustificada, segundo o disposto nos artigos 1, 5 e 9. Deste xeito as autorizacións que outorga a Xunta baixo un suposto “carácter especial” só poderían realizarse baixo unhas condicións moi particulares e definidas pola xurisprudencia do TXCE como exclusivamente para fins científicas ou demostrando previamente un efecto pernicioso e danos aos cultivos. No caso das autorizacións da Xunta para capturar aves canoras, non acontece ningunha desas dúas excepcións. Ademais, e segundo a normativa, a Xunta só debería autorizar ditas capturas tendo deseñado e aprobado previamente protocolos sobre os métodos de captura, as especies permitidas, as xustificacións técnicas, a delimitación das localizacións e o rexistro de persoas habilitadas para a súa cría en catividade, condicións ausentes ou cando menos descoñecidas para a cidadanía e os grupos ecoloxistas.

ADEGA quere lembrar que a práctica do silvestrismo pode hoxe manterse mediante a cría en catividade dos exemplares legalizados que proporcionan o stock xenético suficiente para fomentar a cría, comercio e intercambio regrado destas especies, único xeito de manter esta actividade respectando a legalidade vixente.

ADEGA denuncia tamén que arredor deste tipo de prácticas, xustificadas para o mantemento de eventos de canaricultura ou silvestrismo e que ten o seu máximo expoñente nos concursos de cantos de aves, agóchase un trafego ilegal de especies silvestres, un ilícito penal que está en claro auxe debido á venda por internet.

A nosa entidade emprenderá as pertinentes accións comezando pola presentación dunha denuncia perante a Comisión Europea para desterrar definitivamente estas prácticas ilegais e lesivas para a nosa biodiversidade, agardando que investigue e no seu caso recrimine o proceder da Xunta, que unha vez máis revélase como a principal agresora da biodiversidade galega e neste caso tamén, fomentadora do maltrato das especies silvestres.

Exit mobile version