As Espalladoras dan a coñecer o seu programa de actividades coas que colabora o Concello
-Actividades culturais, deportivas e de lecer completan a oferta que se reparte por distintas parroquias e núcleos de Cervo
Cervo, 8 de outubro de 2012-A Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras presentaron hoxe o seu programa de actividades para o novo curso. Un acto no que estiveron a edil de Cultura, Begoña Alonso, a de Servizos Sociais, Pilar Armada, a presidenta da entidade, Inés Cobas, e a tesoureira, Raquel Ferreira.
O programa, que arrincou este mes, inclúe un conxunto de iniciativas moi variadas, dende cursos de manualidades, exercicio físico, actos culturais, saídas ou actividades de lecer. Esta mesma fin de semana pasada comezaron coa primeira das saídas, neste caso á residencia de Tempo Libre de Panxón na que socias das Espalladoras e tamén da Asociación Esperanza de Burela, de apoio ás persoas con cancro, pasaron o venres, o sábado e o domingo.
Cursos
As actividades relacionadas cos traballos manuais que se ofrecen son pintura os luns e macramé os mércores, ambos impartidos na escola de Castelo. Ademais, As Espalladoras organizan clases de ximnasia e saúde na escola de San Román, que se desenvolven os martes durante todo o curso. Polo momento a entidade financiará para as súas socias a asistencia a estas clases durante os meses de outubro e novembro. Unhas actividades nas que colaboran coa asociación o Concello de Cervo e a Fundación Alcoa.
Ao mesmo tempo, a entidade traballa na preparación dun curso de reciclaxe que comezará nas vindeiras semanas e se desenvolverá os xoves na escola de Rúa. Todas estas actividades están dirixidas a aquelas persoas que estean interesadas en participar. No caso das asociadas, serán gratuítas, mentres as non socias deberán aboar 15 euros por actividade. Para inscribirse poden chamar ao teléfono da asociación, o 672 217 155.
Teatro
As Espalladoras tamén porán en marcha iniciativas culturais, como as Xornadas Teatrais que terán lugar os días 1, 2, 6, 8 e 9 de decembro no pavillón de San Román e nas que colaborarán, ademais do Concello e a Fundación Alcoa, a comunidade de montes de San Román de Vilaestrofe. Nestas xornadas participarán cinco grupos de teatro que representarán as súas correspondentes obras. As agrupacións confirmadas son Ardora, O Bordelo, Raiolas, Axóuxeres e A Adala de Fazouro.
Ademais, a asociación tamén prevé actividades lúdicas e de encontro como a comida de Nadal, prevista para o día 25 de novembro, na que poderán participar todas as socias.
A edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, destacou a “variedade do programa de actividades que poñen en marcha un ano máis As Espalladoras, que contribúen a manter a actividade nos núcleos do rural”. Por iso, explica Armada, “consideramos moi importante seguir apoiando as súas iniciativas, porque o seu dinamismo será tamén o do noso rural”.