Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa di que en Lourenzá “as cousas fanse con sentidiño” referíndose a un vial no que o concello fixo unha reparación

EMMA ÁLVAREZ SUBLIÑA QUE EN LOURENZÁ “AS COUSAS FÁNSE CON SENTIDIÑO PORQUE SOMOS XENTE DE FIAR”. A ALCALDESA RESPOSTA ASÍ AS DECLARACIÓNS FEITAS POLO DEPUTADO PROVINCIAL SOCIALISTA MANUEL MARTÍNEZ.

Lourenzá, 6 de outubro de 2012. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez, resposta ás manifestacións realizadas nas últimas horas polo deputado provincial socialista Manuel Martínez sobre un vial onde o Concello fixo esta semana unha reparación de urxencia, aínda que considera que é titularidade da Deputación Provincial. Emma Álvarez explica que no Concello laurentino “fanse as cousas con sentidiño e somos xente de fiar, que cumprimos a palabra dada e os acordos plenarios. E como el ben sabe, aínda que non o diga, hai un acordo do pleno da Deputación do ano 2006, no que se facía cargo desta carretera a cambio de que o Concello se facía cargo dun tramo máis pequeno por ser máis rural”.

Álvarez tamén lle replica a Martínez que “non somente son acordos de palabra, posto que hai documentación, que lle ensinei na reunión da pasado martes, na que se di claramente que por parte da Deputación de Lugo xa se pasou esta carretera á rede de estradas provincial. Ademais el mesmo me facilitou unha copia do borrador do convenio encabezado polo señor Besteiro e o señor Vidal”.

A alcaldesa de Lourenzá tamén lembrou que a Deputación rexenerou un 80 por cento da estrada e estivo ocupándose do seu mantemento durante tempo.

Polo tanto Emma Álvarez afirma que “aquí o único que falta é vontade política para asinar o convenio, aquí os que fallan son os socialistas, que queren dar un trato discriminatorio a un concello gobernado polo Partido Popular”.

A rexedora municipal rematou anunciando que “non obstante, esta estrada será arranxada definitivamente na semana que ven e despois seguiremos loitando dende o Concello para que a titularidade da mesma por parte da Deputación se acredite de xeito formal, incluso a través do xulgado, si é necesario chegar a elo”.

Exit mobile version