Conservo o optimismo que xa fixen público noutras ocasións, e teño motivos para ter este sentimento. Sei, e cónstame, que o goberno da Xunta está mantendo reunións semanais coa dirección da empresa para buscar unha saída a esta problemática. Un traballo constante do executivo galego que demostra que a permanencia de Alcoa na Mariña coa mesma carga de traballo segue sendo un obxectivo irrenunciable para o presidente Alberto Núñez Feijóo. Un goberno que mantén o seu compromiso con Alcoa e cos traballadores e que está con eles nestes momentos difíciles. Dende o Concello de Cervo, sen ir máis lonxe, acudimos ás manifestacións, e mañá xoves imos secundar a apagada convocada polo comité.
Pero para entender que está pasando, temos que afondar máis. Moitos estanse equivocando á hora de buscar un branco no que disparar a súa munición cargada de desprestixio e descualificacións, cando en realidade deberían dirixir a súa mirada cara o outro bando: as compañías eléctricas. Son elas as que manteñen un pulso co Goberno do Estado. Un pulso no que temos que elixir entre estar de parte do Goberno, que quere e busca que Alcoa siga na Mariña a pleno rendemento, ou estar do lado das eléctricas, ás que non lles importa a viabilidade da factoría mentres sigan aumentando os seus propios beneficios. Unha batalla que vai moito máis alá, e que no fondo é un pulso entre o executivo e os grandes capitais; entre o sector público e os grupos económicos; e como o Goberno somos todos, este é un pulso entre toda a sociedade unida e as eléctricas.
Hoxe sorprendíanme unhas declaracións de personaxes políticos desta provincia pedindo explicacións á Xunta, mentres as eléctricas campan ás súas anchas. Unhas compañías que, por certo, gañaron poder grazas á liberalización do sector posta en marcha baixo o mandato do PSOE. Unha liberalización que agravou a situación de Alcoa, tal e como recoñecía hai uns meses o presidente da empresa nunha entrevista, e cito literalmente: “Criticamos la liberalización del sector eléctrico a finales de 2008, porque pasamos de una situación regulada a otra en la que los precios son fruto de la negociación, y evidentemente el coste de la energía se incrementó”.
E a pesar de todo, veñen agora os responsables desa liberalización a pedir explicacións a un goberno que só pode emendar o desastre provocado por unha mala xestión anterior. E os mesmos que liberalizaron o sector teñen que ser coñecedores do elevado déficit tarifario alcanzado, e teñen que sabelo porque gobernaron España nos últimos 8 anos. O asunto de Alcoa é unha sombra da súa ineficacia, e fai una radiografía da súa falta de dilixencia.
Agora o que verdadeiramente toca é procurar a unión de todos os mariñáns cun único obxectivo: loitar man a man co Goberno para esixirlles aos grandes poderes económicos que non xoguen cos intereses públicos e cos de Alcoa, que son os mesmos que os de toda unha comarca. Só con esa unión gañaremos o pulso do que depende que non se perda nin un só posto de traballo.
Alfonso Villares, alcalde de Cervo