Site icon Crónica3.com A Mariña

Recuperar Tupide

RECUPERAR TUPIDE

A longa e triste historia das desfeitas na ría, sempiternas, acada o punto álxido na masacre de Tupide, topónimo autóctono que perde vixencia, en favor de Porto Chico, traído de terras cántabras. Os vellos lembramos a paraxe, dende o muro da vella farola ata pasada a Casa do Mar, todo un areal; é dicir, unha praia: era A Ribeira, onde varaban as lanchas para desembarcar o peixe das pescatas, que ao son do “corno”convocaban ás pescantinas para a venta. Lugar de xogos infantís, brincando polas lanchas, remando nos “botes”; emulando ás “de verdade” coas miniaturas feitas con latas conseguidas nas conserveiras, ás que se bautizaban cos nomes das adultas da nosa adolescencia, ás que cada quen tiña maior querenza: “Villa de Foz”, “La Polar”, “Santa Ana”, “Huerta”, “Está Bien”, “Caovilar”, “Dominga”, “Lestegás”, …Pero un día chegou o cemento e, paseniño, foi tragando aquela beleza natural, engulindo a area, e deixando o testemuño do que nunca se debería facer. Algunha vantaxe, puntual, aportou; pero o dano foi moito maior: ¿maxínase, lector amigo, o que hoxe sería para a vila a praia urbana daquela extensión? Olle as vellas fotos da parede da igrexa…¡Nen así damos aprendida a lección!

Hai algún tempo visitounos unha moza para falar connosco sobre da historia do porto: da desaparición da pesca, do cabotaxe e demais desventuras. A conversa foi longa, pois o seu interese abranguía tódolos aspectos, dende os toponímicos, á evolución do porto e das súas instalacións, estadísticas de pesca e cabotaxe, os estaleiros, mesmo os naufraxios na bocana da ría…. Cando íamos polo remate do encontro preguntamos :

–¿A que o interese en coñecer, tan polo miúdo, o referido ao noso porto?

— Na Escola de Enxeñeiros de Camiños da Coruña – díxonos – teño que presentar como traballo fin de carreira un proxecto para a recuperación de Tupide ao seu estado primitivo

–¿E iso é posible?. Preguntamos sorprendido, incrédulo e ilusamente esperanzado.

— Os meus profesores din que sí…

O episodio é real; non foi un soño. ¡Nunca mais soubemos da moza nen do proxecto!.

Suso Fernández

.

Exit mobile version