– Os luns emitíase pola tarde o programa de música galega “A Cova dos Sons”, do alfocense Jacobo Rivas.
– Tamén os luns, pero ás nove da noite, o programa “Crónica Deportiva”, no que se repasaban os acontecementos deportivos da fin de semana e se facían entrevistas relacionadas co deporte. O programa estaba feito por Xabier Pardiñas e Andrea Geada.
– Os martes emitiuse o programa de Carlos Portela “Burato Musical”, que versaba sobre música, cine e literatura.
– Os mércores pola tarde o programa de Ana Val “Voyage Voyage”, dedicado ás viaxes por diversos países do mundo e lugares de España.
– Os mércores pola noite era o tempo do misterio, no programa “Enigmas e Misterios”, dirixido polo burelés Eduardo Domínguez.
– Chegados ó xoves o programa “Parolando” ocupaba as noites durante preto de tres horas; nel tiñan cabida a cultura, a xuventude e o coloquio, e era levado a cabo por Matías Nicieza, Sabela Quirós, Pepe de Xermán, Agustín Fernández, Martín González e Pepe Peinó.
– O venres pola tarde era o tempo da xente nova, co programa “E a min que máis me dá”, no que participaban máis de dez rapaces da ESO do Instituto Alfoz-Valadouro, comandados por David Rivas e Sonia Expósito e con diversas seccións. Tamén participaban Lucas Rega, Alma Ramos, Nerea Pena, Andrea Cabanas, Dani Cao, Antonio García, Sara Bouso, Paula Paz, Carlos Paz e moitos máis.
Foron moitas as persoas que se achegaron á Radio Valadouro para colaborar nos diversos programas, tanto de Alfoz e do Valadouro como da Mariña Lucense e de fóra dela.
Durante o coloquio no programa debatéronse os diversos problemas que afectan á emisora, como a ausencia de teléfono para entrevistas a distancia, o desgaste dos compoñentes electrónicos da mesma, os apagóns nas emisións, a posibilidade de retransmitir os programas a través da internet, por citar algúns. Ademais, cada un dos colaboradores que asistiron ó programa leu unha despedida persoal, despedidas nas que afloraron os sentimentos dunhas persoas que forman algo así como unha gran familia radiofónica.