O pasado xoves, día 30 de agosto, no programa Parolando, a Radio Valadouro pechou oficialmente a tempada 2011-2012. Todo o programa de “Parolando” foi un coloquio sobre a emisora, na que estiveron presentes a inmensa maioría das persoas colaboradoras nos diversos programas, ademais da “alma mater” da Radio Valadouro, o valadourense Xesús Pardeiro. Na temporada que se pecha preto de dez programas diferentes, con temáticas moi variadas, estiveron en antena na Radio Valadouro, todos eles feitos na súa totalidade por voluntarios.
– Os luns emitíase pola tarde o programa de música galega “A Cova dos Sons”, do alfocense Jacobo Rivas.
– Tamén os luns, pero ás nove da noite, o programa “Crónica Deportiva”, no que se repasaban os acontecementos deportivos da fin de semana e se facían entrevistas relacionadas co deporte. O programa estaba feito por Xabier Pardiñas e Andrea Geada.
– Os martes emitiuse o programa de Carlos Portela “Burato Musical”, que versaba sobre música, cine e literatura.
– Os mércores pola tarde o programa de Ana Val “Voyage Voyage”, dedicado ás viaxes por diversos países do mundo e lugares de España.
– Os mércores pola noite era o tempo do misterio, no programa “Enigmas e Misterios”, dirixido polo burelés Eduardo Domínguez.
– Chegados ó xoves o programa “Parolando” ocupaba as noites durante preto de tres horas; nel tiñan cabida a cultura, a xuventude e o coloquio, e era levado a cabo por Matías Nicieza, Sabela Quirós, Pepe de Xermán, Agustín Fernández, Martín González e Pepe Peinó.
– O venres pola tarde era o tempo da xente nova, co programa “E a min que máis me dá”, no que participaban máis de dez rapaces da ESO do Instituto Alfoz-Valadouro, comandados por David Rivas e Sonia Expósito e con diversas seccións. Tamén participaban Lucas Rega, Alma Ramos, Nerea Pena, Andrea Cabanas, Dani Cao, Antonio García, Sara Bouso, Paula Paz, Carlos Paz e moitos máis.
Foron moitas as persoas que se achegaron á Radio Valadouro para colaborar nos diversos programas, tanto de Alfoz e do Valadouro como da Mariña Lucense e de fóra dela.
Durante o coloquio no programa debatéronse os diversos problemas que afectan á emisora, como a ausencia de teléfono para entrevistas a distancia, o desgaste dos compoñentes electrónicos da mesma, os apagóns nas emisións, a posibilidade de retransmitir os programas a través da internet, por citar algúns. Ademais, cada un dos colaboradores que asistiron ó programa leu unha despedida persoal, despedidas nas que afloraron os sentimentos dunhas persoas que forman algo así como unha gran familia radiofónica.