O cadro laranxa alzouse esta fin de semana co título de subcampión do I Trofeo Vila de Ribadesella. As ausencias para o duelo de Primeira, ante o Triman Navarra (3-0), condicionaron en exceso o Burela FS Pescados Rubén, que viu neutralizadas no meta rival todas as súas tentativas.
Os de Julio Delgado plantáronse na final despois de gañar ao Avilés Sport (6-3), de Terceira División. Christian, André e Moi e Enrique, por partida dobre, foron os artífices dos tantos laranxas.
Na gran cita, o cadro laranxa, minguado, tívose que enfrontar a un rival experto, con xogadores de moita calidade, e a un encontro de alto ritmo; o Triman impuxérase ao anfitrión, Rompiente FS, de Terceira, con claridade (7-0). “As ausencias de Nacho e Mimi, xunto ás limitacións de Hugo e Dani, frearon as nosas opcións. Isto obrigou a que cobraran maior presenza Antón e Fabio, dos que realmente hai que resaltar o seu traballo tanto do trofeo coma de toda a pretempada”, dixo Julio Delgado, satisfeito. O adestrador valorou o xogo laranxa, aínda que algo tímido en ataque: “Fixemos os deberes defensivamente, aínda que nos faltou un pouco de profundidade, un obxectivo que melloramos na segunda parte” explicou o técnico, que cre que a clave do Burela FS para a súa incipiente incorporación á máxima categoría pasa por “coller confianza e decidirse a ir co balón arriba. Somos un equipo de Primeira e como tal debemos xogar”.
Soto del Barco, en Vista Alegre. Antes de internarse na aventura de Primeira División, os mariñáns despedirán a pretempada en Vista Alegre, coa visita do asturiano Soto del Barco, de Segunda B (mércores 12, 21.00 horas).
Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Edu, Moi, Iago Míguez, Juanma e Enrique, no cinco inicial; tamén xogaron André, Dani Martín, Christian, Iago Barro, Hugo, Fabio e Antón
Triman Navarra: Álex, Araça, Jesulito, Rafa Usín e Ximbinha, no cinco inicial; tamén xogaron Víctor, Íñigo, Iván, Jonatan, Eseverri, Asier e Roberto Martil
Goles: 0-1, minuto 5, Ximbinha; 0-2, minuto 15, Rafa; 0-3, minuto 27, Jesulito