Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo ” está en contacto cunha das afectadas pola problemática da factura da luz”

O goberno de Cervo lémbralle ao PSOE que os asuntos importantes resólvense actuando con responsabilidade

-O executivo local está en contacto cunha das afectadas pola problemática da factura da luz, que se comprometeu a achegar información

-O grupo de goberno considera un acto de “responsabilidade” agardar a dispoñer de todos os datos antes de actuar

Cervo, 3 de setembro de 2012-O goberno local de Cervo respondeu ás críticas vertidas polo grupo municipal socialista ao redor dos problemas coas facturas da luz que se están rexistrando nalgúns fogares cervenses. O executivo asegura que “estamos agardando a recibir información detallada e exhaustiva sobre os distintos casos que se están producindo. O máis responsable e coherente é esperar a dispoñer deses datos para poder actuar en consecuencia”. O grupo de goberno explica que “estamos en contacto cunha das afectadas, que nos transmitiu esta problemática e que se comprometeu a facilitarnos esa información”.

Polo tanto, dende o goberno municipal aseguran que “estamos traballando neste asunto, pendentes desa información, que para nós é moito máis útil que saír nos medios de comunicación buscando protagonismo. Se os socialistas tiveran verdadeiro interese no tema, poríanse en contacto co goberno local para saber que trámites levamos realizados” e non actuarían “a traizón, de costas ao goberno, sen preguntarse se estamos pendentes deste tema e pensando que por non estar falando cada pouco del nos medios non estamos actuando” engade o executivo.

Por iso, para o grupo de goberno “as críticas do PSOE son só unha manobra oportunista para, unha vez máis, transmitir unha imaxe falsa de traballo e de preocupación”, pero “se realmente estiveran preocupados, actuarían en consecuencia e agardarían a dispoñer de datos relevantes para poder abordar o tema con responsabilidade”.

Exit mobile version