Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno da Deputación denuncia que o silencio da oposición sobre Alcoa é unha irresponsabilidade

O VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DENUNCIA QUE O SILENCIO DO PARTIDO POPULAR SOBRE ALCOA É UNHA IRRESPONSABILIDADE

Antonio Veiga pide a Elena Candia que se pronuncie sobre a situación límite que vive a comarca e os milleiros de postos de traballo que están en xogo

“Manterse en silencio a 16 días de que venza o prazo dado por Alcoa para o feche da factoría é unha auténtica irresponsabilidade por parte do PP”

“Os dirixentes populares están máis preocupados por facer as beiras a Rajoy e a Feijóo e por manterse nas súas responsabilidades institucionais tralo 21- O que por defender o futuro da comarca”

Lugo, 19 de setembro de 2012. “O silencio de todos os membros do Partido Popular ou no seu defecto as súas declaración de intencións sobre a busca de solucións ao problema da tarifa eléctrica, son un apoio implícito ao feche da factoría de Alcoa na Mariña”. Así de contundente se mostrou o vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable das áreas de Benestar Social, o nacionalista Antonio Veiga, ao respecto da moción que se levará ao vindeiro pleno e na que se insta ao Goberno central a aprobar un marco tarifario específico para Galiza.

Veiga insistiu en que “restan 16 días para que se cumpra o prazo dado polos responsables de Alcoa para proceder ao feche da factoría en San Cibrao e seguimos sen coñecer as xestións que fixo a Xunta de Galiza e o Goberno estatal para que iso non aconteza, seguimos sen saber cal é a solución que Raquel Arias, candidata do PP ás eleccións autonómicas, anunciou se coñecería en agosto, e seguimos sen coñecer a postura do Partido Popular na Deputación de Lugo ao respecto. Neste último caso, levamos semanas sen escoitar a Elena Candia, portavoz dos populares, posicionarse sobre a situación límite de Alcoa, dos traballadores e de toda a comarca. É un tema de fondo calado para toda a provincia e o grupo provincial do Partido Popular aínda non se pronunciou”.

“Manterse en silencio cando está a piques de rematar o prazo é unha irresponsabilidade e un síntoma de covardía. Nun momento no que hai que pór solucións sobre a mesa, os dirixentes populares están máis preocupados polo escenario electoral, por manter as súas responsabilidades institucionais e por renderse ante as indicacións de Feijóo e de Rajoy, aínda que iso supoña vender os intereses dos seus veciños e veciñas, que por defender o futuro da comarca. Alcoa precisa de solucións a longo prazo e xa non hai tempo para iso o que, ao mesmo tempo, demostra a falla de previsión do Goberno central que sabe que o réxime tarifario actual caduca o 31 de decembro e non ten un plan B”.

Dende a Vicepresidencia da Deputación aseguran que a desaparición de Alcoa sería un golpe definitivo para A Mariña, que nos últimos tres anos viu como se fechaban empresas emblemáticas que daban emprego a centos de traballadores. “Agora, a continuidade doutra desas empresas emblemáticas está en xogo. A continuidade do complexo alumieiro está vinculado a garantir un prezo razoábel de enerxía atendendo a que os gastos de enerxía supoñen un 47% dos gastos totais da factoría, e só o Executivo central ten competencias para buscar solucións a este problema, pero non as está exercendo”.

“Por iso –continuou Veiga- presentaremos unha moción no vindeiro pleno da Deputación instando ao Goberno do Estado a que proceda a aprobar unha tarifa eléctrica específica antes do 30 de setembro que garanta a actividade da factoría e os máis de 2.000 postos de traballo que están en xogo”.

Exit mobile version