Ribadeo, 31 de agosto de 2012. Emocionados e agradecidos así se amosaron os tres persoeiros que recibiron esta mañá as distincións e os diplomas que os acreditan como fillo predilecto e fillos adoptivos de Ribadeo a Víctor Moro, e a John Rutherford e José Calavera, respectivamente.
O encargado de ler a laudatio sobre José Calavera foi o concelleiro socialista e ex alcalde, Eduardo Gutiérrez. Tras a súa disertación o homenaxeado recibiu a distinción que lle colocou o edil e o diploma acreditativo “polo seu agarimo a Ribadeo e a implicación e adicación altruista amosada na conservación e dignificación do emblemático edificio Torre dos Moreno”.
Na súa intervención tras ser nomeado fillo adoptivo de Ribadeo, José Calavera, presidente honorario de Intemac, lembrou que leva 51 anos pasando os seus veráns en Ribadeo, onde conta cun grupo de amigos entrañables e onde pasou –dixo- moitas horas de descanso e tamén moitas horas de traballo tranquilo e relaxado. Calavera definiu á Torre dos Moreno, construida con formingón armado, coma un edificio único en España, polo que o tildou de valiosísimo. O enxeñeiro subliñou que en Francia hai uns quince inmobles deste tipo e lembrou os 35 informes que realizou ao longo de todo este tempo sobre a devandita torre.
O portavoz do PP e ex concelleiro de Cultura, Manuel Valín, deu lectura a laudatio sobre John Rutherford, profesor e escritor, académico honorario da Real Academia Galega, e doctor Honoris Causa pola Universidade da Coruña, entre outras cousas. John Rutherford recibiu a distinción e o diploma acreditativo “pola súa implicación e compromiso no eido cultural con Galicia e co galego así como pola relación de profundo amor amosado pola vila de Ribadeo”.
O hispanista lembrou que o 23 de agosto de 1959, cando partiu cara Londres, despois de pasar por primeira vez por Ribadeo o semanario local La Comarca publicaba: un concurso exposición de gando vacuno previsto para as festas patronais, as películas que se proxectaban no Cine Colón e a súa partida da vila, ao igual que as doutros viaxeiros que pasaban por Ribadeo. Rutherford contou que Ribadeo cambiou a súa vida, aquí probou os callos, o pulpo, o chourizo, o viño, o tabaco e descubriu que nalquel entón a xente cantaba nos bares sen estar borracha. Unhas das cousas que máis lle chamou a atención foi o forte sentido de identidade que tiña Ribadeo e fixo alusión aos cambios experimentados ao longo dos anos pola vila.
Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, leu a laudatio do economista Víctor Moro, e entregóulle o distintivo e o diploma acreditativo coma fillo predilecto de Ribadeo “pola túa adicación a Galicia, o teu compromiso con Ribadeo, así como pola defensa do topónimo lexítimo de Ría de Ribadeo”.
Víctor Moro, nado en Ribadeo, tivo palabras de lembranza para os seus amigos de neno e da adolescencia e denunciou o lamentable estado de abandono de Ribadeo por parte dos órganos políticos centrais, así como tamén o olvido no que se atopa A Mariña. Moro dixo que o retroceso é inminente e que salvo o turismo poucas actividades son xeneradoras de progreso e de emprego na zona. Sobre o topónimo de Ría de Ribadeo dixo que ás veces se perde e non se emprega debido á intoxicación política e mediática que padece a sociedade.
O acto de entrega destas distincións a Víctor Moro, John Rutherford e José Calavera deu comezo pasadas as 11:30 da mañá no transcurso dun pleno extraordinario ao que asistiron todos os membros da Corporación Municipal. A asociación Amigos da Gaita e a Coral Polifónica de Ribadeo puxeron a nota musical na emotiva sesión plenaria. Amigos da Gaita interpretou ao inicio do acto o himno do antigo reino de Galicia e a Coral Polifónica cantou durante o pleno Yo quiero ser marinero, Vila meiga e Casiñas brancas, ademáis do himno galego.