-Waara e Bachrir foron recibidos polo alcalde e a edil de Servizos Sociais, que lles desexaron unha boa viaxe e se interesaron pola súa estancia
Cervo, 1 setembro de 2012-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, recibiron a visita de Waara e Bachrir, e as súas familias de acollida. Os dous nenos saharauis que pasaron os meses de xullo e agosto no municipio volven para os campamentos de refuxiados saharauis no Tinduf, de onde proceden, e antes de marchar, o goberno local quixo despedirse deles por este ano e desexarlles unha boa viaxe ata os seus respectivos fogares. Ademais, entregáronlles aos cativos sendas mochilas e camisetas para que levaran un bo recordo de Cervo.
O rexedor e a edil interesáronse pola estancia de Waara e Bachrir no municipio, preguntándolles aos nenos e ás familias de acollida sobre a experiencia vivida . “Todo eran palabras de alegría e de emoción, xa que durante estes meses se crea un vínculo moi forte entre os pequenos e os pais de acollida” explica Armada. “O momento da despedida é duro, pero sempre queda pensar en que o ano que vén volverán compartir bos momentos” engade a concelleira. A edil de Servizos Sociais quixo “agradecer ás familias que ofrecen o seu fogar, os seus recursos e o seu agarimo de forma desinteresada só por ver felices aos seus fillos de acollida”.
As dúas familias levan varios anos participando no programa “Vacacións en paz” que promove a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e coa que por sétimo ano consecutivo colaborou o Concello. En canto aos nenos, Waara era o primeiro ano que pasaba o verán en Cervo mentres Bachrir visitaba aos seus pais de acollida por terceira vez.
“Vacacións en paz” é un programa de solidariedade e axuda desinteresada que consiste na acollida temporal de menores saharauis por parte de familias co obxectivo de proporcionarlles unha estancia agradable e lonxe dun ambiente bélico e de precariedade de recursos e, ao mesmo tempo, afastalos do deserto nos duros e calorosos meses do verán.