Site icon Crónica3.com A Mariña

Cinco grupos participarán na IX Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón en Ribadeo

O VENRES COMEZA EN RIBADEO A IX MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO DANIEL CORTEZÓN.

Ribadeo, 19 de setembro de 2012. O vindeiro venres, 21 de setembro, da comezo a IX Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón. O evento foi presentado esta tarde no salón de plenos do Concello nun acto ao que asistiu o alcalde, Fernando Suárez, o director do Grupo de Teatro de Ribadeo, Toni Deaño, e a directora do Grupo de Teatro da ANPA do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, María Novo.

As representacións terán lugar no Cine Teatro de Ribadeo e a entrada é gratuita. O venres ás 21 horas o grupo Axóuxere de Foz porá en escea a obra Véndese unha mula ou pousada. O sábado, 22 de setembro, ás 20 horas o Grupo de Teatro da ANPA do CEIP Gregorio Sanz representará Na urbanización e ás 21 horas o grupo Trécola de Ourense interpretará A verdadeira historia do corazón reloxo.

Xa o domingo, 23 de setembro, ás 20:30 horas terá lugar a presentación do Grupo de Teatro de Ribadeo, que porá en escea Lisístrata e ás 21 horas O Aturuxo de Melpómene de Narón será o encargado de deleitar aos amantes do teatro con Cipriano de Bequelar.

María Novo explicou que “son uns 30 nenos os que forman parte do Grupo de Teatro do Gregorio Sanz, que cada ano repiten. Ésta foi unha das actividades extraescolares que organizou A Faxarda e que ten máis éxito. A obra de teatro que imos facer é unha visión do capitalismo e da especulación visto a través dos ollos dunha nena e como ela se arregla para loitar contra un constructor un pouco corrupto que quere destrozar unhas paraxes naturais onde vive ela”.

Toni Deaño sinalou que “o Grupo de Teatro de Ribadeo fixo unha convocatoria aberta e a elección da obra veu condicionada por iso. Vin o número de persoas que había, eran casi todos mulleres, e decidimos montar unha obra deste tipo e chegamos a Lisístrata de Aristófanes na que participan maioritariamente mulleres e por riba ten un alto contido feminista, moi axeitado á época que vivimos”. E engadiu que “casi todo o mundo é a primeira vez que actúa e están cos nervos propios da estrea. Estou sorprendido do traballo que realizan”.

Pola súa banda o alcalde, Fernando Suárez, valoróulles e agradecéulles “o traballo altruista a estes grupos de teatro porque o están a facer de balde, e ademáis vannos ofrecer unha visión crítica da actualidade”.

Exit mobile version