Os cervenses aprenderon a separar mellor os residuos na carpa da campaña de reciclaxe situada na praza dos Campos
-Cervo é o segundo concello galego que participa nesta acción de concienciación e información
Cervo, 19 de setembro de 2012-Charlas informativas, exercicios prácticos e obradoiros sobre separación de residuos. Estas son as actividades que están tendo lugar no día de hoxe na praza dos Campos de San Cipirán, concretamente nunha carpa da campaña “Separa ben, recicla mellor” que pon en marcha a Consellería de Medio Ambiente coa colaboración de Ecoembes. Trátase dunha iniciativa para axudar á cidadanía a coñecer que residuos se poden botar en cada contedor e cales non.
Para iso, 6 monitores están atendendo aos usuarios, achegándolles información de forma amena e didáctica sobre a correcta separación do lixo e sobre os inconvenientes que provoca no proceso de reciclaxe depositar os residuos no contedor equivocado. Ao mesmo tempo, estanse realizando actividades prácticas para asimilar conceptos así como obradoiros sobre a reutilización, outra das formas de darlle un tratamento correcto aos residuos ademais da opción de separalos e depositalos nos contedores axeitados.
A campaña arrincou esta semana na Mariña lucense. De feito Cervo é o segundo concello galego que acolle esta carpa, que funciona a modo de aula de medio ambiente. “Es una acción de concienciación muy interesante, tanto por los objetivos que persigue como por los métodos que utiliza” explica a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, que fai referencia á “importancia de que la separación de residuos sea lo más correcta posible para que el esfuerzo particular sea de utilidad”.
Segundo os datos de Ecoembes, case o 23% dos residuos que chegan ao contedor amarelo e o 2% dos depositados no iglú verde foron depositados erroneamente e corresponderían a outro contedor.