Site icon Crónica3.com A Mariña

Cerca de 4.000 persoas pasaron pola oficina de turismo de Burela no mes de agosto

PRETO DE CATRO MIL PERSOAS PASARON POLA OFICINA DE TURISMO DE BURELA DURANTE O MES DE AGOSTO. MÓNICA PEDRE ASEGURA QUE OS DATOS SON MOI BÓS, “DADA A COMPLEXA SITUACIÓN QUE SE ESTÁ A VIVIR”.

Burela, 4 de setembro de 2012. Preto de 4.000 persoas pasaron pola oficina de turismo de Burela o pasado mes de agosto. Os datos dábaos a coñecer esta mañá a concelleira de Turismo, Mónica Pedre.

Para a edil popular trátase “duns datos moi bós e positivos que se producen dentro da situación complexa que se está a vivir en todo o país”. Mónica Pedre indicou que “a ocupación hoteleira en Burela situóuse nalgúns hoteis entre o 90 e 100% e o resto andiveron entre o 80 e o 90%. Estes datos pertencen ás primeiras semanas de agosto, xa que despois do 22 a afluencia de turistas a esta zona baixou de xeito considerable. A valoración que facemos é positiva”.

Das preto de 4.000 persoas que pasaron pola oficina de turismo de Burela durante o pasado mes de agosto, un total de 3.697 eran españoles. Deses 1.153 procedían de Madrid, 407 de Galicia, 382 de Castela-León, 381 de Asturias, outras 381 do País Vasco e 292 de Cataluña. Por detrás están os visitantes chegados desde Aragón, Andalucía e Comunidade Valenciana. Polo que se refire aos turistas chegados desde outros países, e que supoñen o 3’85% do total de visitantes, 66 procedían de Francia, 38 de Inglaterra e 17 de Alemania. Tamén pasaron por Burela cidadáns de Portugal, Arxentina, Italia ou Bélxica, entre outros.

Mónica Pedre sinala que “as campañas de promoción realizadas ao longo dos últimos meses en varios puntos do país están empezando a dar os seus frutos. Neste sentido queremos seguir traballando para ir conseguindo pouco a pouco que Burela sexa elexido polos visitantes que se achegan a esta zona coma destino para pasar uns días de vacacións. Aquí temos moitas cousas que ofrecer: unha exquisita gastronomía, un paisaxe espectacular, temos mar e praias, paseos marítimos, montes, rutas de sendeirismo e un porto dos máis importantes do Cantábrico”. A oficina de turismo de Burela estará aberta, en principio, ata o vindeiro 16 de setembro, “pero non descartamos que poida seguir ofrecendo información do noso concello ata finais de mes”.

Exit mobile version