– Ata o 1 de outubro, os interesados nas 5 únicas vacantes deben presentar a fotocopia do DNI, a certificación académica e o certificado de empadroamento, xunto co impreso que se descarga en www.fundaciontic.org, na sede da EIS: rúa Frei Plácido Rey Lemos da capital
– A Deputación mantén a gratuidade da matrícula para os alumnos de nova incorporación e para os que superaron todas as materias do anterior curso, facendo unha única excepción cos repetidores co fin de fomentar a cultura do esforzo
– A Escola de Imaxe e Son, o único centro público na provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual, comezará o curso 2012-2013 o vindeiro 17 de setembro
A Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, dependente da Deputación, mantén aberto ata o 1 de outubro o prazo de matrícula para as derradeiras prazas no Ciclo Superior de Produción para o curso 2012-2013. Os interesados poden optar a unha das 5 vacantes resultantes logo de que varias solicitudes presentadas para as 22 prazas ofertadas en total quedasen excluídas por non cumprir os requisitos esixidos.
Para facer a solicitude é necerario aportar unha fotocopia do DNI, a certificación académica dos estudos esixidos para o acceso, o certificado de empadroamento nun dos 67 Concellos da provincia e cumprimentar o impreso que atoparán na web da Fundación (www.fundaciontic.org) ou na propia Escola. Toda a documentación debe presentarse na sede da Escoa de Imaxe e Son, na rúa Frei Plácido Rey Lemos s/n.
A Deputación mantén a gratuidade da matrícula por quinto ano consecutivo, agás para os repetidores, é dicir, para os alumnos de nova incorporación ou para os que non deixaron ningunha materia do anterior curso pendente co fin de fomentar a cultura do esforzo.
Saídas profesionais dos produtores
Durante o ciclo, dividido en dous cursos formativos que suman 2.000 horas lectivas, os alumnos de Produción da EIS obteñen a cualificación necesaria para planificar, organizar, supervisar e xestionar os recursos económicos, materiais, técnicos e humanos para a produción de audiovisuais, programas de radio, espectáculos e obras teatrais, asegurando o cumprimento dos plans ou obxectivos no tempo e nas condicións de custo e calidade establecidas.
Entre os obxectivos prioritarios da Fundación está o de facilitar a inserción laboral dos alumnos da EIS. Na actualidade, a TIC mantén convenio con máis de 70 empresas nacionais do sector multimedia e ten asinados máis de 100 convenios de colaboración con ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir o seu labor mediante a realización de proxectos audiovisuais. Esta liña de colaboración permite que os alumnos e titulados da Escola leven a cabo traballos profesionais a través dun programa de bolsas que lles facilitan a súa incorporación ó mercado laboral.
300 alumnos pasaron polo centro
A Escola de Imaxe e Son, que comezará as clases o 17 de setembro, ofrece 44 prazas, 22 para cada un dos módulos de primeiro de Realización e Produción. A maioría dos que solicitan a admisión no centro, o único público que imparte ensinanzas da rama audiovisual na provincia, proceden de 2º de BAC e, en menor medida, séguenlle os que pasaron as probas de acceso á Universidade ou teñen outro ciclo superior. Desde o inicio das súas actividades, en 2003, preto de 300 alumnos cursaron os seus estudos no centro.