A piscina de Lieiro abre hoxe ao público despois dunhas semanas realizando traballos de mantemento
-O horario é o mesmo que o da temporada pasada, de luns a venres de 9:00 a 22:00 e os sábados de 10:00 a 21:00 horas
Cervo, 3 de setembro de 2012-A piscina cuberta municipal de Lieiro reabre as súas portas ao público dende hoxe no seu horario habitual, de luns a venres de 9:00 a 22:00 horas e os sábados de 10:00 a 21:00 horas. O vaso permaneceu pechado no mes de agosto, como é habitual, período no que o Concello aproveitou para realizar traballos de mantemento. Aínda así, o resto das instalacións deportivas mantivéronse abertas o mes pasado.
O Concello ten previsto poñer en marcha un ano máis varios cursos de natación e outras actividades acuáticas, das que informará no seu momento, dando a coñecer a oferta e a apertura dos prazos de inscrición. Dende a Concellería de Deportes “o obxectivo é seguir potenciando a utilización das instalacións deportivas, tanto a través do uso libre como mediante as habituais actividades e cursos” explica a delegada da área, Yolanda Pedreira.
Deste xeito, a Concellería pretende manter ou incrementar os datos de participación en cursos rexistrados na temporada pasada, cando acudiron unhas 210 persoas. Tamén agarda que o número de usuarios e de socios continúe aumentando, seguindo coa tendencia dos últimos anos. De feito, entre xuño de 2011 e xuño de 2012, o número de socios reais creceu ata os 700, aumentando en 100 persoas máis. Esta cifra correspóndese co número de socios que aboan unha cota e tamén con todas as persoas que acceden ás instalacións a través da cota familiar.
O Concello informa tamén de que as piscinas de Río Covo pecharán o vindeiro sábado día 8, permanecendo abertas ata o venres 7 incluído.