Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación asegura que a Xunta lle dá prioridade ás residencias da terceira idade no eixo Atlántico e priva o rural

ANTONIO VEIGA ESIXE A FEIJÓO O DESBLOQUEO DO PROXECTO DA DEPUTACIÓN PARA CONSTRUIR 12 NOVAS RESIDENCIAS

O vicepresidente da institución provincial acusa á Xunta de priorizar as novas residencias da terceira idade no eixo atlántico e de privar ao rural de servizos públicos de calidade

O número de dependentes na provincia é case tres puntos superior á media galega

Ribadeo, 10 de setembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e delegado das áreas de Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mocidade, o nacionalista Antonio Veiga, visitou a residencia municipal de Ribadeo acompañado do alcalde do municipio, Fernando Suárez, e da concelleira de Saúde e Servizos Sociais, Teresa González, onde mantiveron un encontro con membros da dirección do centro para valorar como lles están a afectar os recortes en servizos sociais aprobados polos gobernos central e autonómico.

Tras dita xuntanza, Antonio Veiga destacou que “xa se empezan a notar as consecuencias dos recortes na Ley de Dependencia aprobados polo Goberno do Estado e que, a pesar de ser criticados pola Xunta, esta os está a aplicar. A rebaixa do 15 por cento na axuda que perciben os coidadores, a súa exclusión da Seguridade Social e o copago que deben asumir os dependentes para poder recibir determinados servizos sociais están a empeorar a calidade de vida deste colectivo”.

“Lugo –continuou Veiga- precisa de medidas de discriminación positiva en canto é a provincia coa maior taxa de dependentes de toda a comunidade. Case un 12 por centro dos fogares lucenses teñen algún dependente, preto de 3 puntos máis que a media galega, polo que as consecuencias dos recortes fanse notar de xeito máis virulento.”

Dende a Vicepresidencia da Deputación insístese en que “é preciso avanzar cara a profesionalización deste sector cun dobre obxectivo: crear emprego e mellorar a calidade de vida dos dependentes e persoas maiores”.

A provincia de Lugo segue a estar por baixo da ratio que establece o Plan de Servizos Sociais de Galiza con respecto ao número de prazas en residencias da terceira idade. Neste senso, o vicepresidente do entre provincial esixiu ao presidente Núñez Feijóo que desbloquee o proxecto da Deputación no que se contempla a construción de 12 novas residencias da terceira idade cunha inversión en solitario de 15 millóns de euros, sen que a Xunta teñan que aportar un só euro, e que prevé a creación de máis de 400 empregos directos. “Pero xa sabemos que estas novas residencias non están no eixo A Coruña – Santiago – Vigo no que o Executivo autonómico prioriza as súas inversións. A actual Xunta é o goberno do urbano para o que o rural non ten dereito a servizos públicos de calidade. Os gobernos do Partido Popular están a implementar un modelo social baseado na beneficencia. Cos recortes realizados e co previsible recorte das pensións, moitos dependentes e maiores non poderán asumir o custe que supón recibir a atención adecuada nun centro especializado, e iso, ao mesmo tempo, aumentará o número de despidos entre o persoal das residencias” – concluíu Antonio Veiga.

Exit mobile version