Site icon Crónica3.com A Mariña

150 familias de Ribadeo que pasan necesidade pola crise recibirán alimentos do concello

O CONCELLO REPARTE ALIMENTOS ENTRE 150 FAMILIAS PARA PALIAR AS NECESIDADES QUE ESTÁN A SOFRIR POLA CRISE. O EQUIPO DE GOBERNO DESTINOU UNHA PARTIDA ECONÓMICA A ESTE FIN E ASINOU UN CONVENIO COA FUNDACIÓN ALIMERKA.

Ribadeo, 4 de setembro de 2012. Arredor de 150 familias de Ribadeo se están a beneficiar das medidas adoptadas pola Concellaría de Servizos Sociais para paliar as necesidades que están a sofrir pola crise.

A edil Teresa González Piñeiroa explicou que “desde o Concello destinamos unha partida de cartos para a compra de alimentos, porque detectamos que hai persoas que o están a pasar mal, hai persoas maiores, familias con nenos ou familias numerosas”. E subliñou que “nos vimos obrigados a levar adiante esta medida porque os excecentes que nos chegaban da Unión Europea a través da Cruz Vermella non eran suficientes para cubrir e atender as necesidades que teñen 150 familias en Ribadeo”. González Piñeiroa dixo que “en moitas ocasións non acuden libremente a pedir axuda, porque lles da un certo reparo. Facemos unha chamada a aquelas persoas que se vexan con necesidade ou que saiban de alguén que poida precisar desta axuda para que se poñan en contacto con nós, dentro das nosas posibilidades tentaremos axudarlles”.

Ademáis hai semanas o Concello asinou un convenio coa Fundación Alimerka, “neste supermercado de Ribadeo recollemos de martes a venres os excedentes de repostería doce e salada como empanadas, empanadillas, recheos de xamón e queixo, croissants, napolitanas, etc… e despois Servizos Sociais, a educadora familiar, sería a responsable de repartir estes alimentos entre as familias máis necesitadas da nosa vila”. Teresa González considera que “así imos cubrindo as carencias do día a día, porque cos excedentes da Cruz Vermella repártense leite, pasta, galletas e cos perecedeiros aínda seguimos necesitados. Temos cuberta a parte de repostería, pero quédannos froitas e verduras e seguiremos traballando para tentar conseguilo”.

A concelleira de Servizos Sociais agradécelle á Fundación Alimerka “a súa implicación e colaboración co Concello de Ribadeo. É de valorar que un supermercado que non ten a súa sede aquí se faga eco das necesidade dos nosos veciños e veciñas. En canto nos puxemos en contacto con eles sempre se amosaron predispostos a colaborar co Concello. Eu sempre digo que a unión fai a forza e que si as institucións, os organismos e a sociedade nos xuntamos poderemos chegar a máis xente”.

Exit mobile version