SESENTA PERSOAS ASISTEN AOS CATRO CURSOS QUE SE ESTÁN A IMPARTIR NO CENTRO DE FORMACIÓN OCUPACIONAL DE BURELA, QUE CHEGOU A REXISTRAR HAI TEMPO UN 85% DE INSERCIÓN LABORAL. ATA ALÍ SE TRASLADARON HOXE RAQUEL ARIAS E JOSÉ Mª GONZÁLEZ BARCIA.
Burela, 30 de agosto de 2012. Sesenta persoas asisten aos catro cursos que se están a impartir no Centro de Formación Ocupacional de Burela. Ata alí se trasladaron esta mañá a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o alcalde de Burela, José Mª González Barcia.
O rexedor explicou que “hoxe pola mañá xiramos visita aos cursos que se están impartindo no Centro de Formación Ocupacional, xunto coa delegada territorial da Xunta, Raquel Arias. Trátase de catro cursos: dous deles dirixidos á rama de xeriatría e de alzheimer e outros dous dirixidos a temas de carácter administrativo. Son cursos que están subvencionados ao cen por cen pola Xunta de Galicia cun importe de 173.000 euros. Están impartidos no centro de formación ocupacional, que se creaba no ano 1996 e que en certos momentos chegou a ter unha inserción laboral dun 85 por cento das persoas que asistían a eses cursos”. Para González Barcia “estes datos demostra ben ás claras o interese que o Concello de Burela ten en formar ás persoas que se atopan en situación de desemprego, por un lado, e por outro lado buscarlles unha saída na vida laboral”.
O alcalde de Burela lembrou que “nós solicitamos estes cursos atendendo fundamentalmente á demanda laboral que hai hoxe en día, sendo conscientes de que a rama de xeriatría e de coidado en liñas xerais das persoas maiores é algo moi demandado pola sociedade. Para nós é unha satisfacción importante que os cursos estean cubertos ao cen por cen; é dicir hai 15 persoas en cada un dos catro cursos, co cal estamos formando a 60 persoas en situación de desemprego e nós, evidentemente, a través dos nosos técnicos en materia de emprego imos intentar por tódolos medios encontrarlles acomodo, aínda sabendo que a situación actual non é precisamente fácil senón todo o contrario”.