Dende a Comisión Executiva do PSdG-PSOE de Burela,queremos facer pública esta nota de prensa en relación coa actuación do GRUMIR (Grupo Municipal de Intervención Rápida) de Burela o pasado luns, nun restaurante da localidade.
Na madrugada do pasado luns, foi requirida a presenza do GRUMIR do Concello de Burela para sufocar un incendio que se produxo nun coñecido restaurante da nosa vila. Segundo os veciños da zona cós que falamos, a actuación de dito grupo pode ser considerada digna do mellor dos esperpentos valleinclanescos, algún dos seus membros ía en chanclas, sen as medidas de protección básicas, e o que máis nos sorprende, sen auga no vehículo contraincendios…. Menos mal, que tamén se requiriu a actuación do parque de bombeiros comarcal, que coa súa actuación puxo fin a este caos. Queremos por de manifesto que nesta actuación se puxo en perigo tanto a seguridade dos propios operarios como a dos veciños da zona, e isto parécenos gravísimo.
Con ser todo isto que narramos un feito gravísimo, a demostración de que un servizo municipal que non funciona debidamente. Queremos lembrar que o Sr. Barcia, alcalde de Burela, se fixo directamente responsable do funcionamento deste servizo, cando no Pleno do pasado mes de Xullo, a pregunta do grupo municipal do PSdG-PSOE, afirmou que había persoas que estando contratadas para este servizo estaban prestando outros servizos no Concello e que o responsable de que isto fose así era él e que asumía a responsabilidade neste aspecto. Lembramos tamén, que como xa temos denunciado no seu momento, a contratación deste persoal, foi feita por procedementos que raiaban a legalidade (a dedo) para pagar favores políticos, e que entendíamos que a labor deste grupo esixe unha preparación e unhas condicións que entendíamos que en algúns casos non se daban nas contratacións feitas. O propio alcalde nos medios públicos recoñece que a actuación no incendio foi deplorable e agora se da conta que os operarios precisan formación cargando toda a responsabilidade nos propios operarios, nós non estamos de acordo en que se ataque ós operarios.
Á vista destes feitos, non nos queda máis que afirmar que temos un alcalde que os veciños e veciñas de Burela non se merecen, unha persoa que non demostra estar á altura do posto que ocupa, que actúa coma se o Concello e os traballadores do mesmo fosen a súa leira e coma se o soldo dos traballadores do Concello o pagara él do seu peto, en resumo un trileiro político que ten actitudes máis propias de tempos pasados ós que ninguén quere voltar, “Faise así porque o digo eu”.
Dende o PSdG-PSOE de Burela, e ante unha actuación tan grave, entendemos que o Sr. Barcia ten que asumir a súa responsabilidade (recordando que se puxo en risco a seguridade tanto dos traballadores municipais como dos veciños e veciñas). Só cabe que dimita e que o PP propoña a outra persoa para ocupar o seu cargo ata final de lexislatura, entendemos que o Sr. Barcia, á vista das súas actuacións, está incapacitado para tomar decisións que afecten ós veciños e veciñas de Burela.