Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo volve a reclamar unha xunta de portavoces para solucionar o problema coas lecturas dos contadores da luz

OS SOCIALISTAS DE CERVO RECLAMAN POR SEGUNDA VEZ UNHA XUNTA DE PORTAVOCES URXENTE ANTE NOVAS DENUNCIAS RELACIONADAS COAS LECTURAS DA LUZ

-O pasado 1 de agosto, solicitaron a convocatoria dunha xuntanza urxente para consensuar unha petición conxunta á Consellería de Industria co fin de solucionar o problema, pero “despois dun mes seguimos esperando”

-Os membros do GMS consideran máis oportuno ca nunca que “o Concello habilite unha oficina de atención ós afectados para canalizar as reclamacións”

CERVO, 31 DE AGOSTO. Pasado un mes sen ter contestación por parte do alcalde de Cervo, Alfonso Villares, sobre a petición dunha xunta de portavoces para solucionar o problema que están sufrindo moitos veciños coas lecturas dos contadores da luz, o Grupo Municipal Socialista volve a reclamar unha convocatoria urxente.

Aseguran que “son moitas as denuncias públicas que se están a producir relacionadas de novo con este asunto. Na maioría dos casos, os erros non son imputables ós usuarios e, sen embargo, estanlles a causar situación de desamparo e gastos inasumibles. O noso alcalde é, de sobra, coñecedor da situación, pero demostra moi pouco interese por buscar unha solución”.

Os membros do GMS recibiron hai máis dun mes a voz de alarma por parte de veciños de San Ciprián sobre os erros e as facturas desorbitadas que estaban a recibir, concretamente, foron alertados de “confusións na numeración dos contadores que non coincidían cos das súas casas e lecturas imposibles de ser reais. Non podemos deixar pasar máis tempo, pero debe ser que o señor Villares segue de vacacións”.

Nesta ocasión, ademais de intentar chegar a un acordo co equipo de goberno para enviar unha petición conxunta solicitando medidas urxentes á Consellería de Industria co fin de frear e repoñer os danos económicos causados ós veciños, os socialistas demandaránf “a habilitación dunha oficina de atención ós afectados onde poidan canalizar as queixas ou reclamacións relacionadas con este asunto”.

Exit mobile version