Site icon Crónica3.com A Mariña

O primeiro de setembro comenzará a funcionar unha sección da Escola Oficial de Idiomas no IES Monte Castelo de Burela

O 1 DE SETEMBRO COMEZARÁN A FUNCIONAR AS NOVAS SECCIÓNS DA ESCOLA OFICIAL DE IDIOMAS CREADAS NOS CONCELLOS DE BURELA E SARRIA

 As unidades supoñen a posta a disposición de 180 prazas para a mellora das competencias lingüísticas en inglés

 Durante o curso 2012-2013 impartirase un ciclo de nivel básico e outros dous de intermedio

 Os interesados deberán formalizar a preinscripción entre o 1 e o 15 de setembro

Lugo, 31 de agosto de 2012.- A Delegación Territorial da Xunta en Lugo informa de que o 1 de setembro entrarán en funcionamento as novas seccións da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Lugo creadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos concellos de Burela e Sarria.

As novas unidades localízanse no Instituto de Educación Secundaria (IES) Monte Castelo de Burela e no IES Gregorio Fernández de Sarria, e poñen a disposición dos alumnos 90 prazas cada unha para a mellora das competencias lingüísticas en inglés. Os interesados, segundo se explica desde o departamento territorial, deberán formalizar a preinscripción entre o 1 e o 15 de setembro a través da web www.eoidigital.com/preinsxunta.

Durante o curso 2012-2013, nas seccións da EOI de Burela e Sarria impartiranse un ciclo de inglés de nivel básico e dous de intermedio. O listado de adxudicación das prazas poderase comprobar a partir do 18 de setembro ás 23.00 horas na web. Os admitidos deberán matricularse entre o 19 e 26 de setembro.

A consellería creou estas novas seccións na provincia ao abeiro do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, que ten nas escolas de idiomas un dos seus piares fundamentais, polo seu papel como centros para a cualificación e certificación tanto dos docentes, como do resto das galegas e galegos. Desta forma, facilitarase o acceso ao plurilingüismo ás persoas que non residen nas cidades, e avanzarase na igualdade de oportunidades respecto ás ensinanzas de linguas estranxeiras que se ofertan nas EOI.

Exit mobile version