O ente provincial abusa do proceso excepcional para a concesión de subvencións negando a posibilidade de acceder ás axudas a outros municipios
O GPPP considera sorprendente que dos preto de 50 millóns de pesetas concedidos en subvencións excepcionais en agosto, os Concellos do PP non reciban nada, pese a gobernar no 70% dos municipios
O Grupo Provincial do Partido Popular cualifica de “alarmante” a recorrencia do ente a concesión de subvencións de caracter excepcional para aqueles municipios da súa mesma cor política evitando así o proceso de libre concorrencia e discriminando negativamente ao resto dos municipios
Os criterios diferenciadores nos que se fundamenta a Deputación para a aprobación deste tipo de convenios coinciden co do resto dos concellos, polo que os populares poñen moi en dúbida esa excepcionalidade e aseguran que todo parece indicar que o que se pretende o ente é pagar factores políticos con diñeiro público
Esta actuación do goberno de Gómez Besteiro amosa o proceder “sectario” que empregan o BNG e o PSOE á hora de conceder subvencións, especialmente en época electoral
Entre estas actividades subvencionables destacan algunhas como cursos de risoterapia, polo que en época de crise, os populares piden un maior exercicio de responsabilidade
Lugo, 31-08-2012 – O Grupo Provincial do Partido Popular rexeita o elevado abuso do proceso de excepcionalidade por parte da Deputación lucense para a concesión de subvencións. A portavoz provincial do Partido Popular, Elena Candia, explica que a deputación concede preto de 50 millóns de pesetas durante o mes de agosto soamente a concellos do BNG e do PSOE a través de subvencións excepcionais, empregando así un procedemento menos transparente. Os populares consideran sorprendente que os concellos do PP non reciban nada desta contía pese a gobernar no 70% dos municipios.
O Grupo Provincial do Partido Popular cualifica de “alarmante” a elevada recorrencia do ente a concesión de subvencións de carácter excepcional para priorizar así as demandas daqueles concellos xestionados por gobernos da súa mesma cor política. Dende o ente provincial evitan así o principio de libre concorrencia e polo tanto a concesión de subvencións en función de criterios de necesidade obxectiva.
A portavoz do Partido Popular explica que os criterios nos que se fundamenta a Deputación para a aprobación dos convenios reguladores das subvencións excepcionais coinciden nos diferentes concellos e polo tanto, non son motivos xustificadores da concesión de subvencións excepcionais en detrimento doutros municipios. Os populares poñen moi en dúbida esta excepcionalidade e aseguran que todo parece indicar que o que se pretende é pagar factores políticos con diñeiro público
A portavoz do Grupo Provincial Popular asegura que este procedemento amosa a actitude “sectaria” do goberno dirixido por José Ramón Gómez Besteiro e que se acrecenta en épocas electorais. Elena Candia critica que o organismo provincial impide a posibilidade de que os municipios gobernados polo PP accedan a estas subvencións, e beneficien aos concellos en función do seu voto político.
Da lectura das xuntas de goberno, extráense actividades subvencionables de ocio e lecer como risoterapia, dado ao que dende o Grupo Provincial do Partido Popular piden un maior exercicio de responsabilidade.