Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta asegura que a arbitraxe segue a ser a saída para que recuperen os seus aforros os afectados polas preferentes

A XUNTA CONTINÚA COS AFECTADOS DAS PREFERENTES E A ARBITRAXE SEGUE A SER A SAÍDA PARA QUE RECUPEREN OS SEUS AFORROS

Galicia é a única comunidade que conseguiu levar a cabo esta fórmula que permite aos afectados, que foron vítimas dunha “mala praxis”, recobrar o seu diñeiro
Ata a data xa son máis de 12.000 as solicitudes de arbitraxe recibidas no Instituto Galego de Consumo que xa ten dadas máis de 900 citas para a celebración das arbitraxes e ascenden a 300 as familias que recuperaron os seus aforros
O instituto dependente da Consellería de Economía e Industria ten reforzado o sistema da arbitraxe e traballa coa máxima celeridade para ofrecer aos afectados unha resposta áxil e eficaz

Santiago, 31 de agosto de 2012.- A Xunta de Galicia continúa cos afectados polas participacións preferentes e, tras a aprobación do Real Decreto Lei levada a cabo hoxe polo Goberno Central, a arbitraxe segue a ser a saída para que recuperen os seus aforros. Deste xeito, o Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía e Industria, continuará tramitando as arbitraxes solicitadas polos consumidores afectados pola venda inaxeitada deste produto financeiro.

Galicia é a única comunidade que conseguiu artellar este mecanismo de arbitraxe que está facilitando a recuperación dos aforros das familias afectadas, xa que o que se cuestiona é a “mala práxis” na comercialización destes produtos financeiros.

Neste sentido, os laudos arbitrais ditados son inamovibles, e até agora xa son máis de 12.000 as solicitudes de arbitraxe presentadas no Instituto Galego de Consumo, que deu até a data máis de 900 citas para a celebración de arbitraxes, nun proceso no que preto de 300 familias xa recuperaron os seus cartos.

O Goberno da Xunta defende e seguirá a defender os dereitos dos consumidores afectados por medio da arbitraxe, de xeito que se ten reforzado o sistema arbitral e se está a traballar coa máxima celeridade para ofrecer aos afectados un servizo áxil e eficaz.

A vía da arbitraxe supón para os afectados que foron vítimas dunha mala comercialización, unha solución rápida, eficaz e gratuíta, que ademais ten a mesma firmeza que unha sentenza xudicial.

Exit mobile version