A Deputación denuncia a queima de 500 hectáreas na provincia en só tres días
– Lara Méndez subliña que son datos de Medio Rural, “departamento autonómico que só facilita datos dos lumes de máis de 20 hectáreas polo que a superficie queimada podería ser maior”
– A Vicepresidenta Segunda denuncia que os lumes “son froito do total abandono do campo, dos recortes ó sector agrogandeiro e do desmantelamento das políticas de prevención e ordenación forestal, durante os máis de 3 anos de nefasta xestión da Xunta”
– “Os Gobernos do PP discriman o rural, unha discriminación que aínda é maior en Lugo, a única provincia en Galicia que non conta con patrullas do Exército para vixiar os nosos montes e actuar no caso de incendios”, remarcou Méndez
A responsable da área de Emprego, Economía Sostible e Demografía, salientou que “isto é froito do total abandono do campo, dos recortes ó sector agrogandeiro e do desmantelamento das políticas preventivas e de ordenación forestal, durante os máis de 3 anos de nefasta xestión desta Xunta. Feijóo está a facer que o noso rural quede sen xente ó non impulsar medida algunha para xerar emprego nin para coidar e manter limpos os nosos montes, previndo deste xeito os lumes e racionalizando o gasto en extinción”.
Lara Méndez indicou que o Goberno galego recortou este ano en máis de 22 millóns de euros as medidas de prevención de lumes, suprimiu as axudas á multifuncionalidade do monte, rebaixou os investimentos nos montes de xestión pública e nas axudas a comunidades de montes, reduciu en 1,5 millóns de euros as colaboracións cos municipios en materia de prevención, ó tempo que decidiu non cubrir as baixas nin as vacantes das cuadrillas, repercutindo na seguridade dos traballadores. “Con cada euro ben xestionado en materia de prevención de lumes, aforraríanse 3 en extinción”.
Lugo sen patrullas
“Os Gobernos do PP discriminan o rural, unha discriminación que aínda é maior en Lugo, a única provincia en Galicia que non conta con patrullas do Exército para vixiar os nosos montes e actuar en caso de incendios”. Hai que ter en conta que este ano despregáronse 23 unidades da Infantería de Marina e da Brillat, concretamente, nos distritos pontevedreses de O Condado e O Ribeiro; nos ourensáns de Valdeorras, Verín e A Limia; e nos coruñeses de Fisterra e Barbanza.
A Vicepresidenta Segunda lembrou que a responsabilidade dos incendios forestais en Galicia é da Xunta. A Consellería de Medio Rural é a encargada de xestionar tanto os medios preventivos como os de extinción. A Deputación de Lugo, como xestora do 50% do Consorcio Provincial de Bombeiros, “organismo creado en 2008 por esta Goberno lugués e o anterior Executivo autonómico para pór fin á discriminación que sufría Lugo que, tamén neste caso, era a única provincia galega sen este servizo”, tal e como recolle a lei debe colaborar nas tarefas de extinción de lumes forestais sempre que así se solicite dende o 112 e só cando afecten ás vivendas co obxectivo de preservar a seguridade dos veciños. Cómpre destacar que os medios para combater incendios forestais deben ser especializados como, por exemplo, os das brigadas helitransportadas.