A ASOCIACIÓN DE AXUDA Ó ENFERMO MENTAL A MARIÑA FARÁ O CAMIÑO DE SANTIAGO:
A ASOCIACIÓN DE AXUDA Ó ENFERMO MENTAL A MARIÑA, integrada na Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidades Mentais de Galicia (Feafes Galicia) realizará por terceiro ano consecutivo o Camiño de Santiago, unha actividade na que participarán 50 peregrinos, entre persoas con enfermidade mental, monitores e un pequeno grupo de familiares.
O percorrido comezará o mércores 5 de setembro, en Salceda (O Pino) e a chegada a Compostela está prevista para o venres, día 7, sobre as 12.00 horas. O itinerario, que percorre o Camiño Francés, abrange máis de 28 quilómetros.
Na primeira etapa do mércores, os participantes percorrerán os 8 quilómetros que separan Salceda de Arca, no concello do Pino. Nesa localidade, o aloxamento será no Albergue Edreira. Xa na segunda xornada, camiñarán os 15,8 quilómetros que hai de Arca-O Pino ata chegar ao Monte do Gozo, onde pasarán a noite. O último día, o vernes 7, percorreranse os 4,5 quilómetros que quedan ata chegar ao casco histórico compostelán.
Igual que na edición anterior, todos os peregrinos recibirán á chegada un certificado que acredite que percorreron este tramo do Camiño de Santiago. Antes de iniciar a viaxe, os participantes recibirán documentación dos monumentos e obras arquitectónicas que atoparán ao longo de percorrido, así como das sinais de referencia para seguir o itinerario.
Ao chegar a Santiago de Compostela, está previsto realizar unha recepción no concello e, a continuación, celebrarase unha comida de confraternidade nun restaurante do casco histórico.
Loita contra o estigma
Con esta iniciativa, Feafes Galicia quere mostrar á sociedade unha imaxe positiva do noso colectivo. Trátase de loitar de modo activo contra o estigma social, amosando unha imaxe normalizada das personas con enfermidade mental. Así mesmo, a práctica de deporte resulta moi beneficiosa para a saúde das persoas con enfermidade mental, ademáis de axudar á súa rehabilitación e fomentar a súa autonomía.
Este é o terceiro ano que o departamento de Ocio e Deporte de Feafes Galicia organiza esta iniciativa. Neste ano participan as asociacións Morea, Avelaíña, Lenda e Portanova, xunto con nós, a Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A MARIÑA, todas integradas na Federación.