Site icon Crónica3.com A Mariña

Veraneantes en Foz

VERANEANTES EN FOZ

Suso Fernández
Cronista Oficial de Foz

No xornal “EL BALUARTE DE GALICIA” editado na cidade da Paula, do 19 de xullo de 1892, pódese ler : ” Han salido para Foz, con objeto de tomar baños, el Sr. D. Felipe Calderón, acompañado de su distinguida esposa doña Carmen Robles”. O periódico “MONDOÑEDO” de 11 de setembro de 1908 decía: “ … ya noticiamos que en la vecina villa de Foz se constituyera una Liga con el fin de arbitrar recursos para celebrar festejos durante todo el mes de agosto, correspondiendo así al favor que la colonia forastera otorga actualmente a Foz concurriendo a aquella playa…”. Nada se dí do número de “bañistas”, que non de veraneantes, un concepto entón descoñecido, pois a xente acudía ó mar non a veranear, senon para “tomar baños”.
O libro-programa das festas de 1935, inserta datos económicos da vila (“Foz es el primer puerto pesquero y de cabotaje de la provincia”, “La Aduana de Foz es la de mayor recaudación”…”más de 8000 personas pasan en Foz la temporada veraniega”, cantidade que no 1942, trala guerra civil, cifrábase en 15.000. A procedencia, como en todas partes, evolucionou na medida en que o fixo o nivel de vida, do que foi factor decisivo a mecanización dos medios para desplazarse e a mellora das estradas. O insigne intelectual don Xosé Trapero Pardo, que veraneou en Foz 67 anos consecutivos, e que de vivir tería hoxe 112, contábanos cómo a principìos do século pasado eran sobre todo os veciños dos vales mais próximos – Mondoñedo, Valadouro, Lourenzá… – os que nutrían de visitantes as nosas praias. E don Paco del Riego, finado vai haber un ano, case que centenario, tennos referido cómo os 12 primeiros agostos da vida pasounos en Foz, a onde se trasladaba no cabalo da “Picoeira” de Lourenzá.
Paseniño foron acercándose outras mais afastadas, sobre todo de Lugo cidade, que segue, pero que a estas alturas chegan de tódalas autonomías do Estado, e nos últimos 20 anos é moi significativa a presencia asturiana e, algúns, extranxeiros. Este vello cronista, nado baixo o estoupido das bombas bélicas, lembra dende rapaciño a presencia de familias de Madrid, Valladolid ou Ponferrada e mesmo garda na depauperada memoria os nomes dalgunhas delas. Como anécdota: don Arturo e dona Carme, matrimonio sen fillos, madrileños, chegaban cada ano á vila o 15 de xullo para celebrar aquí a onomástica. Ata esa altura do mes eran moi poucos os visitantes; decíase entón que aquí o verán só duraba “de 15 a 15”. Hai un feito innegable: o incremento da poboación estival foi espectacular en toda a Mariña; eso sen que os gobernantes, dende hai moito, fixeran pola súa promoción mais que limpar a area e irse de xira anual a Fitur…

Exit mobile version