Un total de 8 equipos da Mariña participarán no II Torneo de fútbol 11 que empeza mañá en San Román
-A competición inclúe 12 partidos na primeira fase de clafisicación e 9 en cuartos, semifinais e final
Cervo, 6 de xullo de 2012-O II Torneo de fútbol 11 que organiza a S.D. San Román coa colaboración do Concello de Cervo contará coa participación de 8 equipos da Mariña, en concreto o Pub Jocker, O Almacén, Parrillada de Jandro e Mesón da Ría, que conformarán o grupo A; e Bar A Curva, Multiusos Lorenzana, Pescados Piteiro e A.T. San Antonio que formarán parte do grupo B.
A distribución dos grupos, o calendario de enfrontamentos e os nomes dos rivais de cada partido decidíronse nun sorteo realizado onte. En total o torneo inclúe 21 encontros, 12 deles previstos para o sábado, día no que arrinca a competición e no que se disputarán partidos dende as 9:00 ata as 21:00 horas. Un número elevado de encontros nunha xornada intensa, debido a que todos os equipos se enfrontarán aos outros tres rivais do mesmo grupo. Das puntuacións obtidas nesa xornada sairán os clasificados para os cuartos de final.
En total pasarán á seguinte fase os tres primeiros calsficados de cada grupo, que se enfrontarán o domingo a partir das 10:00 e ata as 16:00 horas. Os dous partidos de semifinais están previstos para as 17:00 e as 18:00 horas. O encontro decisivo, do que sairá o campión do torneo será ás 20:00 horas.
Unha competición que repartirá un total de 900 euros en premios. Os tres primeiros clasificados levarán un trofeo, mentres o gañador recibirá ademais 600 euros en metálico e o segundo clasificado 300 euros. Tamén haberá trofeos para o máximo goleador do torneo e ao porteiro do equipo menos goleado.
“O campo do San Román convértese esta fin de semana nunha fervedoira de actividade deportiva, cunhas xornadas maratonianas que empezan pola mañá cedo e rematan ao final da tarde” asegura o edil de Deportes, José Ramñen Soto “Oito equipos chegados de distintos puntos da Mariña pasarán unha fin de semana de intenso xogo futbolístico que ben seguro será todo un éxito” remata o edil.