TÉCNICOS DO CONSORCIO GALEGO DE SERVIZOS SOCIAIS VISITARON EN BURELA OS SOLARES QUE O CONCELLO TEN CONTEMPLADOS NO PXOM PARA A CONTRUCCIÓN DA SEGUNDA GARDERÍA.
Burela, 6 de xullo de 2012. Técnicos do Consorcio Galego de Servizos Sociais visitaron en Burela os dous solares que o Concello ten contemplados no PXOM para a construcción da segunda gardería.
Os concelleiros de Urbanismo e Servizos Sociais, Manuel Fernández Valle e Diana Durán, explicaron que “logo do anuncio feito aquí polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de que Burela contará cunha nova gardería que terá 3 unidades e 41 prazas, días pasados desprazáronse á nosa vila técnicos do Consorcio Galego de Servizos Sociais para ver in situ os solares que o Concello de Burela ten contemplados dentro do Plan Xeral de Ordenación Municipal para ser ofertados á Xunta de cara á construcción desta segunda gardería”.
Valle, Durán e Mónica Pedre, a concelleira de Educación, relataron que “a impresión foi positiva porque o Concello ten dúas zonas dentro do PXOM contempladas como solo dotacional para servizos de carácter socioeducativo. Unha delas está próxima á actual gardería e a outra ao CEIP Virxe do Carme ou colexio dos Castros”. Segundo os edís populares “a decisión final non está adoptada. É o propio Consorcio o que decidirá, pero sempre contando coa idea que ten o Concello e en principio nós inclinaríamos por desconcentrar a zona educativa e colocar esta segunda gardería nas inmediacións do colexio dos Castros”.
O concellerio de Urbanismo engadiu que “nos próximos meses é probable que técnicos da Xunta se poñan de en contacto de novo co Concello de Burela para proceder a redactar o proxecto para esta obra”. Diana Durán sinalou que “o obxectivo final será desconxestionar a actual escola infantil e rematar coas listas de espera. Desde o equipo de goberno seguimos co noso compromiso de incrementar e reforzar os servizos sociais e con accións coma ésta o estamos a demostrar. Agardamos que coa construcción desta nova escola infantil todas aquelas familias que así o desexen poidan conciliar a súa vida laboral e familiar”.