Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo designará fillos adoptivos a John Rutherford e José Calavera, e fillo predilecto a Víctor Moro

O CONCELLO DESIGNARÁ FILLOS ADOPTIVOS DE RIBADEO A JOHN RUTHERFORD E JOSÉ CALAVERA, E FILLO PREDILECTO A VÍCTOR MORO, SEGUNDO ANUNCIABA ESTE MEDIODÍA O ALCALDE. TAMÉN HABERÁ UN ACTO DE RECOÑECEMENTO PÚBLICO PARA OS CONCELLEIROS QUE FORMARON PARTE DAS DISTINTAS CORPORACIÓNS RIBADENSES.

Ribadeo, 6 de xullo de 2012. No vindeiro pleno do Concello aprobaráse a designación de fillos adoptivos de Ribadeo para John Rutherford e José Calavera, e de fillo predilecto para Víctor Moro, segundo daba a coñecer este mediodía o alcalde, Fernando Suárez. Nesa sesión tamén se lles dará nome a 21 rúas, prazas e espazos públicos da vila.

O rexedor dixo que “aproveitando unha serie de problemáticas que desde hai tempo o servizo de Correos nos indica coa confusión de moitas rúas, espazos públicos que ás veces non teñen denominacións concretas ou claras e ao mesmo tempo como temos a necesidade de recoñecer a vida, a obra, a labor de determinados persoeiros estivemos traballando entre todos os grupos e debo destacar a unanimidade e o esforzo que fixemos todos para chegar a este acordo. Todos os grupos da Corporación fomos poñendo propostas enriba da mesa e lóxicamente nin a nós como goberno nos gustaban algunhas dos grupos da oposición nin viceversa, pero todo soubemos ser xenerosos e Ribadeo merece que cheguemos a acordos nestas cuestións como noutras moitas”.

Suárez Barcia sinalou que “decidimos nomear 21 rúas, espazos e prazas públicas, facer un recoñecemento a persoeiros vinculados con Ribadeo e acordamos facer máis adiante un acto de recoñecemento público ás persoas vivas ou non que formaron parte das Corporacións democráticas de Ribadeo desde as primeiras eleccións democráticas, é dicir desde ano 1979”.

O alcalde de Ribadeo explicou que “no caso das rúas hai 21 viais e espazos públicos que recibirán novas nominacións, respondendo nalgúns casos a topónimos históricos ou tradicionais de Ribadeo. Hai unha rúa que leva o nome do primeiro alcalde democrático que tivo Ribadeo no período democrático da segunda república española; dámoslle nomes de destacados persoeiros cinvulados ao arte como Benito Prieto Cousent ou coma os irmáns Suárez Couto. Noutros casos fixémonos eco de acordos do mandato anterior da Corporación anterior como denominar a praza 8 de marzo ou a rúa Meniñas da Saudade. Damos noutros casos nomes de persoas, pero que respostan a unha cuestión simbólica e sentida coma unha rúa que lle queremos dar a José Couso, que representa o dereito á información nos conflictos bélicos e a sin razón das guerras, e que foi unha víctima colateral dun conflicto imperialista coma o que levou á guerra no Irak por parte dos Estados Unidos”. E engadiu “ao mesmo tempo queremos recoñecer unha vía coma avenida da ría de Ribadeo e o labor de estadistas vinculados a esta vila do século XIX ou principios do XX, que coas súas cualidades humanistas tamén puxeron o nome de Ribadeo polo mundo adiante”.

Sobre os recoñecementos de persoeiros “acordamos entre todos designar dous fillos adoptivos, John Rutherford e José Calavera, e designar como fillo predilecto a Víctor Moro. Empezando por éste último, Víctor Moro é un activo defensor da legalidade e do recoñecemento do topónimo histórico, legal e vixente de ría de Ribadeo. John Rutherford é galeguista, galicianista e hispanista, que aínda non nacendo no noso concello é un incasable defensor da nosa lingua e da nosa cultura galega e un exemplo para todos nós. E José Calavera é un extraordinario profesional e tivo un traballo abnegado, esforzado e altruista para a conservación da Torre dos Moreno e froito do seu traballo hoxe estamos empezamos a ver os primeiros resultados”.

Suárez Barcia reiterou que “queremos facer un acto de recoñecemento público ás persoas, vivas en moitos casos e lamentablemente mortas noutros, pero que formaron parte das diferentes Corporacións democráticas de Ribadeo en diferentes grupos políticos, pero co convencimento desde diferentes ópticas e visións que tentaron facer o mellor para Ribadeo”.

—————————-

NOMES PROPOSTOS PARA AS RÚAS E ESPAZOS PÚBLICOS

1. Vía Transversal, da rotonda do Xardín ao camiño dos Galos. Avda. de Rafael Fernández Cardoso

Foi o Alcalde que tivo Ribadeo na II República. Tivo que exiliarse.

2. Vía Transversal, desde estrada da Deputación na Lodeira ao Camiño Real da Lodeira. Avda. de Claudio Pérez Prieto.

Boticario. De fondo espírito altruísta. Foi secretario do Partido Galeguista de Ribadeo. Foi tamén Presidente do Coro Cantigas da Mariña.

3. Vía Traseira Colexio Sagrado Corazón. Rúa de Sor Pilar de León

4. Camiño Os Garitos, Traseira do Restaurante Casa Pepe. Rúa dos Garitos

5. Praza interior edificio da Rúa Buenos Aires-Rúa Dionisio Gamallo. Praza da Música.

Nome popular dese espazo desde hai uns anos.

6. Praza Detrás do Cine Teatro . Praza 8 de marzo.

Data que exalta o Día Mundial das Mulleres e que xa tiña un acordo dunha comisión institucional do mandato anterior.

7. Estrada Xeral Vilar, desde Rotonda do Voar á Rotonda de Dompiñor. Avda. da Ría de Ribadeo

8. Rúa do Cuartel da Garda Civil. Rúa José Couso.

Representa o dereito á información nos conflitos bélicos e a sen razón das guerras. É tamén unha vítima colateral dun conflito imperialista.

9. Antiga estrada acceso a Ribadeo nos Garitos. Rúa Segundo Moreno Barcia.

Redactor do primeiro proxecto dunha Constitución de corte federal. É autor do Proxecto de Constitución para o estado galaico (1887). Avogado, deputado polo distrito de Ribadeo. Incorporouse a Solidaridad Gallega e á Institución Libre de Enseñanza. Referente do librepensamento e anticlericalista.

10. Camiño Escaleira. Rúa de Juan Suárez Casas.

Alcalde de Ribadeo e científico a finais do XIX. Primeiro introdutor de maquinaria agrícola. Primeiro promotor liña de automóbiles en Ribadeo.

11. Travesía Rúa Nova. Rúa do Pipelo.

Microtopónimo do regato que levaba ese nome e que viña desde Ove até o casco vello, pasando polo lavadoiro dos Fornos.

12. Travesía do Cuartel Vello, entre Av. Calvo Sotelo e Rúa San Miguel. Rúa Juan Suárez Acevedo.

Profesor, intelectual humanista.

13. Estrada da Deputación na Lodeira des Av. Rosalía até a Autovía . Rúa da Lodeira.

Preténdese manter o topónimo dese entorno dándolle o nome á rúa principal que vai até o barrio do mesmo nome.

14. Travesía Vilaselán a Terragrande. Rúa Meniñas da Saudade.

Grupo de gaiteiras e de folclore galego do Ribadeo dos anos 60. Son a primeira banda de gaitas formada exclusivamente por mulleres de Galiza e do Estado.

15. Rúa posterior á Av. Rosalía de Castro, aínda sen entregar ao Concello. Rúa Irmáns Suárez Couto. Amando foi pintor de relevo e Enrique impulsou decididamente a Escola Pedro Murias. Tamén Carlos..

16. Camiño da Lodeira. Rúa da Illa Pancha

17. Camiño dos Galos, da E.O.I. á Autovía. Rúa Manuela Barreiro Pico.Primeira farmacéutica de Ribadeo

18. Travesía dos Galos, Traseira da actual Vía Transversal . Rúa Benito Prieto Cousent.

Pintor de relevo. Profesor universitario. Galeguista. Director da revista A Fouce.

19. Camiño sen saída nos Galos. Rúa Justo Pico de Coaña. Pedagogo

20. Camiño dos Galos, desde o remate de Carlos III á Rotonda da Autovía en Vilaselán. Rúa dos Galos

21. Camiño das Barreiras, desde a Av. Calvo Sotelo á Estrada ao Cargadoiro. Rúa Antonio Rodríguez Darriba. Médico

Exit mobile version