Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela inicia agosto coa Feira do Bonito, que será o día 4, e a Feira Produart que se desenvolverá do 3 ao 5

O CONCELLO ACOLLEU A PRESENTACIÓN DA FEIRA DO BONITO E DE PRODUART. AMBOS EVENTOS CELEBRARÁNSE A PRIMEIRA FIN DE SEMANA DO MES DE AGOSTO. GONZÁLEZ BARCIA DIXO QUE A FEIRA DO BONITO É UN REFERENTE DO VERÁN EN BURELA E EN TODA A MARIÑA. A SOCIEDADE CULTURA LEDICIA, ORGANIZADORA DO EVENTO, AGARDA VENDER 4.200 RACIÓNS.

Burela, 12 de xullo de 2012. O Concello foi escenario este mediodía da presentación da feira do bonito, que se celebrará o 4 de agosto, e de Produart que se desenvolverá do 3 ao 5 de agosto. O alcalde, José Mª González Barcia, definiu a feira do bonito coma un referente do verán en Burela e en toda A Mariña lucense.

O rexedor dixo que “a festa do bonito é un evento entrañable para Burela, é un acto xa consolidado e un referente do verán en Burela e en toda A Mariña. Agardamos repetir o éxito de anos anteriores”. González Barcia tivo palabras de agradecemento para a Sociedade Cultural Ledicia e a todos os seus colaboradores “o seu traballo desinteresado, xa desde días antes para que a festa do bonito sexa un auténtico éxito”.

A décima edición de Produart está organizada pola Fundación Expomar, “entendemos que tamén está consolidada e ven configurar xunto coa festa do bonito esa primeira fin de semana do mes de agosto, que para os bureleses e os mariñáns é un referente. Animamos a todos os que se atopen pola zona nesa época a vir a Burela durante esa fin de semana, porque todo vai ser sumamente atractivo”. O rexedor lembrou que “Produart é unha feira de artesanía, ecoloxía e medio ambiente. Agradecémoslle á Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e á Xunta de Galicia a súa colaboración para que Produart poida ser unha realidade un ano máis”.

O alcalde de Burela agradeceu tamén a colaboración das distintas administracións e entidades que fan posible que a festa do bonito se celebre na súa vixésimo oitava edición, “refírome á confraría de pescadores, a Armadores de Burela, á Consellería de Pesca e ao Inludes. O Concello non só aporta cartos, senón que tamén aporta e pon a disposición da Sociedade Cultural Ledicia e da festa do bonito todos os medios humanos e materiais ao noso alcance”.

A presidenta da Sociedade Cultural Ledicia, Rocío Rivera, sinalou que “a festa do bonito de cara ao público é unha feira de tarde. Aínda que pola mañá ven moita xente visitarnos porque nós estamos alí asando o bonito, quizáis a parte máis vistosa do noso traballo, pola mañá estamos a organizar unha serie de actividades lúdicas pensadas para os máis pequenos. A mediodía teremos un aperitivo musical, acompañaranos a Banda de Música de Vilalba sobre as 13:30 horas, e xa ao longo da tarde iremos recibindo á xente que se achegue aquí. Ás 18:30 horas darán comezo os actos oficiais, recibiremos ás autoridades e aos convidados no barco museo Reina del Carmen, e despois virá o pregón a cargo de Francisco Piñeiro, premio nacional de gastronomía, a continuación seguirá a feira e despois ás 21 horas haberá unha verbena”. Durante a xornada tamén se nomeará un asador maior e unha colaboradora de honra.

Rivera anima á xente a acudir á festa do bonito, “Burela e bonito comparten moito máis que a letra b inicial, o bonito durante os anos 70 e 80 supuxo un impulso moi importante para o crecemento de Burela. O que nós tratamos de amosar desde a feira é o traballo conxunto dun grupo de máis de 100 persoas, que o fan de xeito totalmente desinteresado e voluntario, para ofrecerlles o mellor de nós, un dos mellores peixes que pasan pola nosa lonxa, pero sen deixar de lado outros coma a pescada e outras especies da nosa costa”. A presidenta de Ledicia di que “os que se acheguen a Burela o 4 de agosto vano pasar ben, van disfrutar vendo cómo traballamos, cómo se moven más de 200 empanadas, cómo se preparan máis de 400 kilos de pan para unha degustación deste tipo e cómo durante toda a mañá preparamos todo para que estea listo para a tarde”. En total a organización empregará 3.000 kilos de bonito na elaboración dos platos que se servirán. Ledicia agarda vender unhas 4.200 racións do príncipe azul e contan que durante todo o día se acheguen a Burela á feira e a degustar o bonito nos establecementos de hostalería da vila de oito a dez mil persoas.

Exit mobile version