Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo lamentan a pobreza do cartel presentado para as festas do Carme de San Ciprián

OS SOCIALISTAS DE CERVO LAMENTAN A POBREZA DO CARTEL DAS FESTAS DO CARME CULPANDO A BALSEIRO DE FALTA DE INTERESE

-Non entenden que se suprima o Día da Sardiñada cando era a xornada máis esperada polos veciños, “a escaseza de cartos non é disculpa porque os asistentes apoiaban económicamente a súa celebración”

-Aseguran que “a verdadeira crise está na falta de esforzo e traballo demostrada polo señor Balseiro como concelleiro e como presidente da Comisión. Quere estar en todo e ó final non fai nada”

CERVO, 12 DE XULLO. Os socialistas de Cervo lamentan a pobreza do cartel presentado para as Festas do Carme de San Ciprián que se celebran este vindeiro fin de semana. Subliñan que “este ano a festividade do Carme sofre unha merma de actividades e eventos baixo a disculpa da crise e a falta de presuposto. Pola contra, nós cremos que a verdadeira crise está na falta de traballo e preocupación, responsabilidade do presidente da Comisión organizadora, o señor José Manuel Balseiro Orol”.

Entenden que a necesidade de reducir gastos é importante pero “precisamente neste momento é cando se debe facer un esforzo maior por buscar iniciativas e ideas que permitan sortear as dificultades económicas. Reducir a calidade das orquestas, eliminar eventos que non teñan moita participación ou incluso reducir os días de festa, pero o que se faga que se faga en condicións”.

É incomprensible que supriman o Día da Sardiñada celebrado ano tras ano na Atalaia, día co que os veciños despedían as festas, “unha xornada que todos esperábamos con entusiasmo, xa que había moita afluencia de xente e tiña unha gran aceptación. Unha sorpresa para todos que deixa esquecida de actividades a zona da Atalaia. O señor Balseiro debera tamén ter en conta que para os comerciantes da zona este día supoñía unha importante fonte de ingresos”.

Dende o GMS non cren na disculpa da falta de cartos porque “incluso a maioría dos veciños que acudían á sardiñada apoiaban económicamente a celebración desta xuntanza. O problema non está nos costes senón na falta de interese e a deixadez de persoas como o señor Balseiro que ten os asuntos municipais totalmente esquecidos”.

Precisamente o cabeza visible da comisión, tamén membro do equipo de goberno, debería ser o máis interesado na preparación destas festas, pero “a deixadez, a despreocupación e a desidia parecen ser as liñas dominantes en tódolos seus cargos municipais. Está en todo e ó final non fai nada. A falta de organización de iniciativas para recaudar fondos ou novas ideas para mellorar o que xa temos é o verdadeiro problema que se esconde trala palabra crise”.

Exit mobile version