Site icon Crónica3.com A Mariña

O obradoiro de cerámica da Fundación Eu Son obtivo o recoñecemento como marca de Artesanía de Galicia

O ALCALDE E A CONCELLEIRA DE SERVIZOS SOCIAIS FELICITAN AO OBRADOIRO DE CERÁMICA DA FUNDACIÓN EU SON, QUE OBTIVO O RECOÑECEMENTO COMO MARCA DE ARTESANÍA DE GALICIA. O SÁBADO HABERÁ UN POSTO DE VENDA NA I FESTA CASTREXA DE BURELA.

Burela, 5 de xullo de 2012. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, e a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, felicitan ao obradoiro de cerámica da Fundación Eu Son, que obtivo o recoñecemento como marca de Artesanía de Galicia. Durán considera que “se trata dun feito moi importante e que teñen ben merecido polo traballo que realizan”.

González Barcia, tamén presidente do padroado da Fundación Eu Son, explica que “no pasado mes de xuño a Consellería de Economía e Industria resolveu autorizar á Fundación Eu Son o uso da marca Artesanía de Galicia para os produtos elaborados no seu obradoiro de cerámica. Previo a esta concesión o monitor, Juan Eijo Quelle, encargado da formación dos usuarios/as tivo que solicitar a Carta de Artesán, concedida neste caso con data 1 de xullo de 2011. E a Fundación tivo que solicitar á Comisión Galega de Artesanía a cualificación de Taller Artesanal, resolución favorable emitida con data de 17 de abril de 2012”.

Durán lembrou que “a Fundación en setembro de 1998 puxo en funcionamento un Centro Ocupacional co obxectivo de ofrecer un servizo que permita a persoas con discapacidade intelectual alcanzar a integración laboral e a realización persoal e social. O obradoiro de cerámica foi, dende o seu inicio, a actividade principal deste Centro Ocupacional. Despois de tantos anos de formación, a evolución das pezas que saen deste obradoiro foron mellorando en deseño e calidade. Actualmente, o obradoiro conta cun artesán e 27 persoas usuarias que son formadas nos distintos procesos de fabricación das pezas en función das súas capacidades, fomentando o traballo en equipo e que cada unha delas se sinta partícipe de cada unha destas creacións”. Os produtos do obradoiro son elaborados para a súa posterior venta. Actualmente os principais clientes soen ser institucións públicas e privadas, asociacións, clientes particulares, etc…

O rexedor e presidente do padroado da Fundación Eu Son subliñou que “con esta distinción outorgada os nosos obxectivos a corto prazo será a introdución no mercado das nosas pezas a través da venda por internet, en comercios da comarca e en feiras. E este sábado, 7 de xullo, colocaremos un punto de venta na I Festa Castrexa de Burela .

Exit mobile version