Site icon Crónica3.com A Mariña

O Memorial Rodrigo Maseda Lozano reúne a 8 clubs e 27 equipos durante a fin de semana na Mariña

O MEMORIAL RODRIGO MASEDA LOZANO REÚNE 8 CLUBS E 27 EQUIPOS DURANTE A FIN DE SEMANA NA MARIÑA

Xoves 5 de xullo. O Torneo Imdecum de Fútbol Sala Base 2012 ‘Memorial Rodrigo Maseda Lozano’ (6-8 de xullo) estréase mañá pola tarde coa presenza de 8 clubs e 27 equipos nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. Participarán o histórico madrileño UD Las Rozas Boadilla, ED Vigo 2015, Troula FS de Betanzos, ADFS A Mariña, Ribadeo FS, San Cibrao e As Catedrais, xunto á ED EON Burela FS.

Entre as 18.00 e as 19.00 horas dará comezo a competición, con sistema de dúas fases, nos pavillóns locais Vista Alegre e Monte Castelo, en Marzán-Foz e A Veiga-San Cibrao.

A primeira eliminatoria disputarase ata o sábado. Compoñerán a categoría benxamín UD Las Rozas Boadillas A e B, Troula FS, ADFS A Mariña, ED Vigo 2015 e ED EON Burela FS A e B, con sede no Monte Castelo e Vista Alegre. En alevíns, tamén na vila burelá, volverán competir representantes de ADFS A Mariña, Boadilla, Troula e tres da ED EON Burela FS, coa novidade do Ribadeo FS. Madrileños, betanceiros, vigueses, mariñáns e burelistas, xunto ao San Cibrao, formarán a categoría infantil, con pista de xogo en Marzán. Finalmente, a competición cadete, en San Cibrao, estará integrada por UD Las Rozas Boadilla A e B, Burela FS A e B e Vigo 2015, xunto ás Catedrais.

Vista Alegre acollerá a fase final o domingo, cos dous primeiros clasificados, pechará a cita ás 21.00 horas, coa entrega de trofeos para o campión, subcampión e terceiro clasificado, máximo goleador, mellor xogador e equipo máis deportivo en cada categoría.

Durante todo o torneo, a organización tamén lles ofrecerá aos rapaces unha programación lúdico-deportiva complementaria, con xogos multimedia e visitas guiadas ao barco-museo Reina del Carmen e o Museo do Mar de San Cibrao, ademais de ter a posibilidade de usar as instalacións do complexo deportivo da Marosa e a piscina municipal de San Cibrao.

Exit mobile version