Site icon Crónica3.com A Mariña

O encoro de Río Covo acolleu unha xornada de piragüismo na que nenos e nenas practicaron xunto a David Cal

O encoro de Río Covo acolleu unha xornada de piragüismo na que nenos e nenas practicaron xunto a David Cal

-Entre os participantes había rapaces e rapazas de Lugo ou de Xixón, ademais de cervenses

Cervo, 12 de xullo de 2012-Nenos e nenas de Cervo e doutros puntos como Lugo ou Xixón, achegáronse esta tarde ao deporte da piragua a través dunhas xornadas organizadas polo Club Deportivo San Ciprián coa colaboración de Concello no encoro de Río Covo. A cativada pasou tres horas iniciándose neste deporte, adquirindo algunhas destrezas e aprendendo a manexar as pas e a facer avanzar a embarcación da man de tres monitores do club organizador.

A xornada contou coa presenza de David Cal, campión olímpico neste deporte, gañador de catro medallas nos Xogos de Atenas e Beijing e que se atopa en Cervo preparándose para as Olimpíadas de Londres, que estivo en todo momento cos participantes. Unha actividade que este ano se fixo por primeira vez no encoro de Río Covo, permitindo aos nenos e nenas probar a sensación real que produce a práctica deste deporte.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, José Ramón Soto, achegáronse ata o escenario da actividade para comprobar a súa boa acollida. O concelleiro asegurou que “se tratou dunha iniciativa moi positiva para fomentar a práctica do piragüismo dende a infancia e tentar diversificar os gustos deportivos dos rapaces e rapazas”. Segundo Soto “o lugar, o encoro de Río Covo, era ideal para a práctica deste deporte; a compaña, con tres monitores nacionais e o campión olímpico David Cal, excepcional; e o tempo, que tamén axudou, fixeron desta xornada un momento singular que ben seguro que os cativos lembrarán con ilusión”.

Exit mobile version