Site icon Crónica3.com A Mariña

O DOG publica o decreto sobre identificación e ordenación sanitaria dos cabalos e xestión dos équidos mostrencos

O DOG publica o decreto sobre identificación e ordenación sanitaria dos cabalos e xestión dos équidos mostrencos

· Esta norma de Medio Rural e Mar regula de xeito innovador o réxime de responsabilidade dos danos causados a particulares polos cabalos en liberdade, buscando a convivencia entre os titulares das terras nas que pastan e os propietarios dos animais, así como unha maior seguridade viaria

· decreto axusta á normativa nacional e comunitaria todo o relativo á sanidade animal, as explotacións gandeiras e o rexistro de movementos deste gando, con especial atención ao mostrenco, aquel que deambula libre sen identificar

Santiago, 6 de xullo de 2012.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto da Consellería do Medio Rural e do Mar que regula a identificación e ordenación sanitaria dos cabalos e a xestión dos équidos mostrencos, é dicir, aqueles que deambulan en liberdade nos espazos agrícolas e forestais, núcleos de poboación ou vías de comunicación sen identificación e sen ter dono coñecido.

A norma desenvolve, de maneira axustada e axeitada á lexislación estatal e comunitaria, todo o relacionado coa sanidade animal, as explotacións gandeiras e o rexistro de movementos de gando equino, cunha especial e innovadora regulación dos mostrencos.

Este decreto crea as condicións necesarias para garantir o correcto desenvolvemento da produción equina en Galicia procurando, ao tempo, definir unha base normativa que estableza as condicións de convivencia entre os propietarios das terras nas que pastan estes animais e os gandeiros que as usan ou pretenden utilizar, e tamén unha maior seguridade viaria.

Definicións

Na norma que hoxe publica o DOG quedan establecidas, entre outras, as definicións básicas de titular de explotación equina, pastos de uso común ou équido mostrenco. Regúlase tamén a ordenación sanitaria das explotacións, con atención especial ás condicións sanitarias e de benestar animal, entre elas, de maneira expresa, o control da non utilización de instrumentos que limiten a mobilidade dos animais (as chamadas “trancas” e semellantes).

O decreto recolle ademais todo o relativo á organización dos pastos de uso en común e ás obrigas tanto dos propietarios dos animais que os aproveiten como dos responsables dos pastos. Neste sentido destaca a obriga dos donos dos cabalos mantidos en réxime de semiliberdade de subscribir un seguro civil de danos fronte a terceiros, para o que se poderán establecer axudas desde a Xunta.

Con respecto aos cabalos mostrencos, créase un rexistro público específico de espazos de acollida de cabalos en liberdade e establécese que os titulares destes espazos que pretendan acollelos deberán solicitar o seu recoñecemento expreso. Ademais, estes terreos terán a condición de explotacións extensivas e deberán cumprir coa normativa vixente.

Danos

No decreto aprobado hoxe defínese ademais cando un équido en liberdade está en situación de provocar danos, nos seguintes casos: Cando estea nun predio agrícola ou forestal sen consentimento do seu propietario ou cando deambule ceibe por estradas ou por núcleos de poboación.

A norma regula tamén a detección e captura dos équidos en liberdade en situación de provocar danos, concretando as responsabilidades dos titulares dos terreos e da autoridade municipal competente á hora de capturar, trasladar, manter e custodiar estes animais, deixando claro que a Administración autonómica colaborará nestas tarefas

Exit mobile version