O BURELA FS VOLVE APOSTAR POR JOZI COMO GARANTÍA BAIXO OS PAUS
O Burela FS Pescados Rubén volverá apostar pola internacional brasileira Joziane de Oliveira en 2012-13 como garantía baixo os paus na Primeira División Feminina.
Esta será a cuarta tempada da gardameta defendendo o cadro laranxa, que rematou 2011-12 como equipo menos goleado da categoría, con tan só 45 tantos en contra en 30 xornadas. Durante o exercicio pasado, Jozi volveu alternar a competición de elite en España coas citas e títulos da Selección Brasileira, no Sudamericano 2011 en Venezuela, co recoñecemento de mellor porteira do campionato, e o Torneo Mundial de Fútbol Sala Feminino celebrado na cidade ‘canarinha’ de Fortaleza a finais de ano.
Dende o club burelista, o directivo Marcelino Luna destacou a “seguridade e solidez que ofrece a renovación de Jozi para ir marcando un teito cada vez máis alto nas metas do equipo” e agradeceu a implicación da porteira na formación de base, tarefa na que volverá involucrarse en 2012-13.