ANDRÉ SEGUIRÁ VESTINDO DE LARANXA
O ala-peche André Luiz Nogueira Fernandes seguirá vestindo de laranxa na estrea da Primeira División. O luso-brasileiro, que renovou a súa continuidade co Burela FS Pescados Rubén para a vindeira tempada, regresará das súas vacacións ‘canarinhas’ en breve para incorporarse á pretempada do conxunto de Julio Delgado, que comezará a preparación o 8 de agosto.
André (Río de Xaneiro, 1987), que cumprirá así o seu cuarto ano no equipo laranxa, chegou a Galicia en 2009-10 procedente da Serie A2 italiana, do ASD Regalbuto, e con formación nas categorías de base do brasileiro Vasco da Gama. Dende o seu ingreso nas filas burelistas, o mozo ala-peche sempre demostrou constancia no traballo e afán de superación, calidades que lle proporcionaron unha progresión continua coa que foi asentándose con minutos de xogo, así como con presenza e solidez na pista.