A VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN COLABORA NA ORGANIZACIÓN DA HOMENAXE A LEIRAS PULPEIRO NO CENTENARIO DO SEU PASAMENTO
Antonio Veiga explicou que “estamos ante un evento que non ten importancia só a nivel comarcal, senón tamén para toda a provincia e para o noso país”
Estas “V Xornadas do Peregrino” inclúen un roteiro por lugares vinculados á vida e obra do escritor mindoniense, así como coloquios , táboas redondas e actuacións musicais
Lugo, 5 de xullo de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga vén de presentar, no salón de actos da institución provincial, as “V Xornadas do Peregrino”, que terán lugar en Mondoñedo e arredores, desde mañá ata o domingo, e coas que se pretende homenaxear á figura do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro, co gallo do centenario do seu pasamento. No acto de presentación tamén participaron Luís Fernández Ansedes, presidente da Asociación “Abrindo Camiño” de amigos do Camiño Norte de Santiago, Xusto Fernández Haro, tenente alcalde de Mondoñedo e concelleiro de Cultura, organizadores destas xornadas xunto coa Vicepresidencia do ente provincial, e o escritor Ramón Reimunde, que participa neste proxecto.
O roteiro que se propón iníciase no Centro Cultural Alcántara, espazo dedicado a divulgar vida e obra de sobranceiros mindonienses, e discorre por lugares vinculados á biografía de Leiras Pulpeiro, así como á súa obra e á súa actividade como médico, visitando paisaxes, como a Fervenza, especialmente amadas polo autor, entre outros fitos de interese histórico, etnográfico e cultural.
O programa contempla unha serie de actividades complementarias ao roteiro. Mañá haberá unha mesa redonda: “Manuel Leiras Pulpeiro: Poeta verdadeiro e Home de Ben”, así como a actuación da Coral “Mestre Pacheco” da Escola Municipal de Música de Mondoñedo. O sábado terá lugar un coloquio sobre “A labor das Asociacións no Camiño do Norte” e a actuación da Banda de música local, e o domingo haberá unha romaría na área recreativa da Ferveza de Viloalle, con xogos populares e actividades acuáticas na piscina fluvial.
Na súa intervención, Antonio Veiga explicou que “estamos ante un evento que non ten importancia só a nivel comarcal, senón tamén para toda a provincia e para o noso país”.